Seis millóns de razóns para manifestarse
Por Diego Espiño
Baixo o lema "Contra o paro. Seis millóns de razóns" os sindicatos UGT e CCOO manifestáronse este domingo 10 de marzo escenificando unha vez máis o seu descontento coas medidas laborais aplicadas nos últimos meses polo Goberno.
A protesta, que arrancou da Praza da Ferrería para rematar fronte á Subdelegación do Goberno, centrouse nos efectos da reforma laboral e as dificultades na negociación colectiva, ademais de pedir unha democracia máis participativa, como sinala o secretario comarcal de UGT Ramón Vidal, "queremos indicarlle ao Goberno que así non imos ben, xa somos seis millóns de parados. O que pedimos é que haxa verdadeira democracia participativa e buscar consensos que poidan plantexar solucións eficaces, non esta reforma laboral que o único que fai é producir despedimentos e non contratos".
Compartindo este argumento o mandatario local de CCOO, José Luis García Pedrosa, centrou as súas queixas nunha lexislación que permite a empresas con beneficios realizar axustes de plantel, "aquí Celtic Estores despide 16 traballadores e ENCE plantexa 39 en Pontevedra, eso é indecente, que a lexislación laboral en España permita que unha empresa que presenta 43 millóns de beneficio plantexe o despedimentos é algo que non se pode entender".
A mobilización non foi tan numerosa como outras protestas recentes, algo que García Pedrosa xustifica na oportunidade de escoller as datas, "as mobilizacións están a ser en zig-zag, está a haber algunhas moi masivas e outras máis reducidas, as veces acertamos no momento e noutras non. Igual esta chega un pouco tarde para conectar co momento de indignación".