Prisión para o 'donjuán' de Marín sospeitoso de estafar máis de 60 mulleres de toda España
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Tras anos campando ás súas anchas por toda España, presuntamente de parella en parella e de engano en engano, Rodrigo Nogueira Iglesias, coñecido como o 'donjuán' estafador das webs de citas, ingresou este venres no centro penal da Lama por orde do Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra.
O home, natural de Marín, tiña en vigor varias requisitorias xudiciais, entre elas, unha orde de procura, captura, detención e personación ditada polo Penal pontevedrés por non comparecer a un xuízo por estafa previsto para o pasado mes de outubro. A pesar de que este 'donjuán' é sospeitoso de estafar e enganar a máis de 60 mulleres, esa vista oral, a que motivou finalmente o seu ingreso en prisión, é por unha fraude nun hotel do que se foi sen pagar, non a algunha das súas noivas.
Rodrigo Nogueira foi detido esta semana en Ciudad Real e trasladado a Pontevedra, onde pasou a noite na Comandancia da Garda Civil e sobre as 10.00 horas foi trasladado aos xulgados da Parda. Alí asistiu a unha vistilla no Xulgado do Penal número 1 na que a fiscal, Marta Durántez, e a acusación particular pediron o seu ingreso en prisión por risco de que volvese a escaquearse da Xustiza.
O maxistrado, Juan José Trashorras, ditou a orde de ingreso e sobre as 12.20 horas deste venres foi traslado a prisión. A fiscal explicou que, no seu caso, pediu a prisión porque ve risco real de que non compareza no xuízo, que volveu a fixarse para o 28 de marzo na Parda.
Respecto diso, explicou que xa durante a fase de instrución deste caso, que se refire a unha única estafa, mostrouse moi escurridizo. E engadiu que a petición de prisión sostense en que se enfronta a unha petición de máis de dous anos de prisión, dous anos e un día por parte da Fiscalía e tres anos pola acusación particular.
Este 'donjuán' deixou un reguero de vítimas por distintos puntos de Galicia, polo menos dous na comarca do Salnés e 13 noutras localidades galegas, pero as súas andanzas saltaron a outras comunidades. Os avogados do Grove que levan a varias destas presuntas vítimas ten contabilizadas ata 68 mulleres ás que enganou en toda España durante preto de 20 anos, aínda que se calcula que pode haber moitas máis que non denunciaron.
As presuntas vítimas fóronse unindo e publican as súas historias no blogue Una triste historia-estafas, robos y demás. Os lectores poden coñecer aí os detalles das súas andanzas, que adoitaban empezar en webs de citas ás que accedía para contactar con mulleres, seducilas e establecer unha relación que moitas veces mesmo terminou en convivencia. Unha vez que estaban embelesadas, pedíalles diñeiro e desaparecía, deixando tras el tanto unha estafa como moitas mulleres esnaquizadas.
Segundo relatan, a imaxe queda ao carón durante o cortexo e todas acaban atraídas polos seus encantos a pesar de ter incluso un aspecto fisico pouco agraciado pola falta de dentes por unha enfermidade. A súa imaxe non pasa desapercibida porque ten o corpo cheo de tatuaxes e un deles, dunha araña na man, foi o que axudou a que caese finalmente tras meses de procura, pois unha persoa de Ciudad Real recoñeceuno e alertou ás autoridades.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- O 'donjuán' de Marín, detido en Madrid tras meses fuxido da Xustiza
Por Natalia Puga |
-
Un ano e tres meses de cadea para o 'donjuán' de Marín por un 'sinpa' nun hotel
Por Natalia Puga |
-
VÍDEO.- Falan as vítimas do 'donjuán' de Marín: enganadas no sentimental e no económico
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O 'donjuán de Marín', por primeira vez no banco dos acusados por un 'sinpa' nun hotel
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |