Marea Pontevedra anima ao goberno a recuperar a Festa das cabazas
Por Redacción
Despois de cinco anos "no esquecemento", Marea Pontevedra anima ao goberno local a recuperar a Festa das cabazas.
Din os voceiros desta formación política que esta cita era nunha referencia máis no calendario festivo local dende que fuera recuperada a finais dos anos setenta a Asociación Cultural Amigos da Cultura, a mesma que recuperou a Festa dos Maios. Mesmo a partir do ano 2000 foi adoptada e recuperada plenamente con orzamento, organización e persistencia anual.
O goberno actual organizouna durante doce edicións baixo a denominación de "Feira e Festa das Cabazas" na Praza de Curros Enríquez e algún ano mesmo con extensión aos soportais. Tamén nalgunha ocasión, motivado por obras elixiron situala na Praza da Verdura.
O día que se celebraba era tradicionalmente o 25 de marzo, mais tanto por parte de Amigos da Cultura como polo Concello pasou a organizarse no sábado máis achegado á data tradicional.
Antes disto, a Feira das Cabazas era unha das celebracións máis famosas da cidade de Pontevedra e organizábase na desaparecida parroquia de Santa María do Camiño (A Virxe do Camiño) e chegaba á praza da Peregrina.
A prensa pontevedresa de finais do século XIX, "Galicia Moderna", concretamente, ten recollido reportaxes en lingua galega sobre esta feira e festa, acompañados de fotografías. Ademais da obra de importantes fotógrafos da cidade tamén se conservan testemuños gráficos coma os que plasmou o debuxante Agustín Portela nos anos 50 do século pasado.