A PO-234, en obras o próximo verán polo tramo de Cotobade; Ponte Caldelas terá que esperar
Tras meses de idas e vindas, a Xunta confirmou oficialmente que as obras de reforma da estrada PO-234, ao seu paso polos concellos de Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, comezarán no verán. Iso si, por agora farano só polo tramo que arranca en Augasantas e non por Laxoso, como reclamaba o goberno caldelán.
Así o confirmou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, que mantivo unha reunión este xoves cos rexedores de ambos os dous municipios, Jorge Cubela e Andrés Díaz, respectivamente.
Será desa maneira porque, segundo garantiu Cubela, o Concello de Cerdedo-Cotobade conta xa con todos os terreos necesarios para abordar a ampliación desta estrada, unha vez que os veciños afectados accederan á súa cesión.
"Hai un bo acordo", explicou o presidente da xestora de Cerdedo-Cotobade. "Se nos pediu que tivéramos os terreos e nós os temos", dixo. Neste sentido, Jorge Cubela destacou que "fixemos os deberes" e que o concello conseguiu con terreos "con moito diálogo e moita xestión", ao apuntar que houbo mesmo que contactar con xente en Brasil ou Uruguai.
Trátase, dixo, dun acordo "histórico" para o seu municipio que "non estamos dispostos a atrasar un ano" para esperar que as obras poidan comezar por Laxoso.
No caso de Ponte Caldelas, o propio alcalde recoñeceu que ao goberno municipal non lle foi posible conseguir todos os terreos, polo que a Xunta terá que aprobar un expediente de expropiación, cuxo custo asumirá o concello. Este feito atrasará a tramitación da obra que, en todo caso, esperan poder licitar antes de que acabe o ano.
A relación dos terreos era "bastante complicada", asegurou Andrés Díaz, xa que se incluían parcelas cuxos propietarios estaban "desaparecidos", emigrados ou empadroados fóra de Ponte Caldelas. A pesar diso, logrouse a cesión de gran parte do trazado necesario, ao pertencer á comunidade de montes, o propio Concello e 16 veciños.
"Estamos satisfeitos", dixo o rexedor, aínda que recoñeceu que estas expropiacións obrigarán ao Concello a asumir un custo "co que non contabamos" -que cifrou nuns 40.000 euros-, pero engadiu que "asumímolo con gusto" porque a seguridade dos veciños do municipio é "fundamental".
Así, Díaz sinalou que "se o problema da Xunta era o custe pequeno das expropiacións", o goberno galego "xa non ten escusas" para facer a obra pola parte de Ponte Caldelas "que é a máis perigosa".
Dado que en Cotobade é posible acceder aos terreos de forma inmediata, nas próximas semanas -unha vez revisada a documentación- licitarase a primeira fase das obras. Trátase dun tramo de 2,69 quilómetros que parte de Aguasantas. Cando Ponte Caldelas complete as expropiacións, actuarase nos 2,16 quilómetros da PO-234 que se inician en Laxoso.
Francisco Menéndez explicou que con esta ampliación o goberno galego busca mellorar a seguridade viaria nesta estrada. Prevese un prazo de execución de oito meses en cada un dos tramos, onde se investirán en total 1.312.000 euros. Ao dividir a execución en dúas fases, que executarán empresas diferentes, o proceso realizarase con "máis celeridade".
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas mantén a súa oferta á Xunta de pagar as expropiacións da PO-234
Por Redacción |
-
Laxoso e Augasantas dan o seu visto bo ao acordo para reformar a PO-234
Por Redacción |
-
O goberno local de Ponte Caldelas dará conta aos veciños do acordo coa Xunta na PO-234
Por Oskar Viéitez |
-
Os populares de Ponte Caldelas critican ao concello por malgastar e perder o tempo
Por Oskar Viéitez |
-
Andrés Díaz tacha de "falta de respecto institucional" a ausencia da conselleira na reunión sobre a PO-234
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas esixe á Xunta que comece xa as obras da PO-234
Por Redacción |
-
Dous quilómetros de coches para pedir o arranxo integral da PO-234
Por Redacción |
-
O Concello xa ten os terreos para reformar a PO-234 no treito de Cotobade
Por Redacción |