José Ramón Gómez asume o "ilusionante reto" de dirixir o CHOP apelando ao "diálogo" co personal
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten un novo xerente. Trátase de José Ramón Gómez, ata agora responsable dos procesos sen ingreso e as urxencias do hospital clínico de Santiago. Tomou posesión nun acto de apenas vinte minutos, celebrado no hospital de Montecelo, e ao que acudiron uns 200 profesionais do centro.
Nas súas primeiras declaracións públicas como xerente do CHOP, José Ramón Gómez explicou que tras 25 anos dedicados á xestión sanitaria, facerse coas rendas do complexo pontevedrés é "todo un reto", sobre todo ao substituír a un "amigo de hai tantos anos" como José Manuel González.
Coa ampliación de Montecelo en marcha, unha actuación que obrigará a redeseñar a atención sanitaria en toda a área, Gómez fixo un chamamento á "participación" de toda a comunidade asistencial neste proceso porque, dixo, "eu non entendo a xestión sanitaria como decisións tomadas desde arriba".
Así, o novo xerente destacou que a sanidade está "literalmente" nas mans dos profesionais e a xestión dun hospital como o de Pontevedra "debe colaborar directamente co persoal para que as decisións que tomemos sexan as mellores". Entende que esa participación "garante o éxito" na atención sanitaria.
O novo hospital ha de ser, engadiu, unha "meta" que ilusione e permita a cohesión entre a dirección e a persoal da área sanitaria, a quen apelou para que "participen, se motiven e se impliquen" na configuración do proxecto.
A toma de posesión do novo responsable da área sanitaria de Pontevedra estivo presidida polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, que explicou que a renovación á fronte do CHOP enmárcase nunha "remodelación" do equipo do Sergas en toda Galicia para que o sistema "se adapte ás novas necesidades".
Neste sentido, Vázquez Almuíña explicou que o Sergas optou por substituír aos xerentes "que levaban máis tempo" para que os novos responsables sexan os encargados de executar a "idea clara" que teñen as autoridades sanitarias para definir o modelo asistencial para os próximos "30 ou 40 anos" na atención primaria e nos hospitais galegos.
"Este é un momento moi importante para o Sergas", recoñeceu o conselleiro de Sanidade, que desligou esta substitución en Pontevedra das críticas recibidas polo actual xerente, José Manuel González, que seguirá sendo, aclarou, un "activo" da consellería grazas ao "gran labor" que fixo á fronte do complexo pontevedrés.
A chegada do novo xerente non provocará atrasos na tramitación do Plan Funcional do denominado como Gran Montecelo.
O equipo redactor deste documento, segundo Jesús Vázquez Almuíña, está actualmente "entrevistándose" con todos os servizos do hospital para definir as necesidades do novo centro, un traballo que se coordinará coas obras pendentes no Hospital do Salnés e coa remodelación que levará a cabo en atención primaria.
Relacionadas:
-
VIDEO.- José Ramón Gómez, o home dialogante escollido para crear o Gran Montecelo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
SOS Sanidade Pública esixe participar activamente no proxecto do Gran Montecelo
Por Redacción |
-
Sonia Fernández-Arruty asume a Dirección de Procesos Asistenciais dos hospitais de Pontevedra e o Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
Unha residencia de maiores para 120 persoas, novo uso para o Hospital Provincial
Por Alejandro Espiño |
-
Tino Fernández, secretario local do PSOE, satisfeito co cesamento do xerente dos Hospitais
Por Anxo Lourido |
-
Sanidade releva a José Manuel González da xerencia do CHOP
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Os traballos de construción do Gran Montecelo comezarán no ano 2019
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
O Plan Funcional do novo Montecelo dá os primeiros pasos
Por Redacción |