Unha modificación no orzamento de 14 millóns enfronta o PP co goberno provincial
Por Alejandro Espiño
O bipartito que preside a Deputación aprobará este venres unha modificación no orzamento de case 14 millóns. Este trámite, que segundo Carmela Silva é "normal" a estas alturas do exercicio, chega apenas dous meses despois da aprobación das contas provinciais. Por iso, desde o PP aproveitaron para criticar a "improvisación" do goberno.
En rolda de prensa, os deputados Ángel Moldes e Nidia Arévalo aseguraron que este trámite demostra que o orzamento de 2017 estaba "baleiro de contido" e que a súa falta concreción deixaba entrever que "non había un proxecto". Pero o peor de todo, sinalan, é que PSdeG-PSOE e BNG recorren á libre disposición de fondos "pola porta de atrás".
Os populares denunciaron que case dez millóns desta modificación orzamentaria "non teñen un destino claro" e trátase de partidas das que poderá dispoñer libremente a presidenta para asinar convenios cos concellos.
Referíronse, en concreto, aos 2,7 millóns de euros que se reservan para investimentos en estradas da provincia e aos case 7 millóns para convenios de cooperación que, segundo transcendeu posteriormente, estarán destinados a Pontevedra e Vigo.
"Son os primeiros en falar de transparencia e de obxectividade e son incapaces de predicar co exemplo", denunciou Nidia Arévalo, que engadiu que a libre disposición de fondos no goberno provincial "existía, existe e seguirá existindo".
Moldes, pola súa banda, destacou que neses dez millóns "non hai ningún tipo de criterio", polo que reclamou ao goberno que "apliquen todo iso do que presumen e do que queren dar leccións.
"Entendemos que esta modificación volve a sacar á luz que é un goberno que improvisa, que non planifica e que non ten unha ruta clara", asegurou o deputado do PP, que está convencido de que non será a última modificación de crédito que aprobarán este ano.
Neste sentido, ambos lamentaron que o actual goberno non dá resposta ás necesidades dos pequenos e medianos concellos e criticaron que estes municipios teñen que cumprir uns requisitos estritos para acceder aos fondos provinciais, mentres que Pontevedra e Vigo "campan ás súas anchas" pola Deputación.
RESPOSTA DE CARMELA SILVA
Pola súa banda, a presidenta da Deputación asegurou que na documentación que recibiron os deputados do PP está "clarísimo" a que se vai a destinar este diñeiro que, fundamentalmente, procede da liquidación das contas do ano anterior.
"Empezo a pensar que non saben ler, estou preocupada", ironizou Carmela Silva.
Silva acusou ao PP de "querer montar ruído", xa que asegurou que salvo os 7 millóns de euros que se destinarán "igual que o ano pasado" a Vigo e Pontevedra, que serán repartidos baixo unha serie de criterios xa fixados en anos anteriores, o resto do diñeiro que forma parte desta modificación de crédito repartirase entre todos os concellos da provincia.
Así, 2,6 millóns serán para melloras en estradas da rede provincial, 800.000 euros en obras para os edificios do Museo de Pontevedra, 600.000 euros para actuacións en montes, 185.000 euros para que Cerdedo-Cotobade "non perda recursos" tras a súa fusión, 150.000 para melloras no cuartel da Garda Civil de Cambados ou 120.000 euros para bolsas Erasmus.
"Non hai nin un euro de libre disposición", garantiu a presidenta da Deputación.
Relacionadas:
-
'Pim, pam, pum' no Pazo Provincial a conta dos temporais e a presunta libre disposición
Por Alejandro Espiño |
-
Diálogo e máis financiamento para os concellos, principais alegacións do PP ao orzamento da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación presenta un novo Plan Concellos co que "os alcaldes do PP están encantados"
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
"E tempo de diálogo, de amor de flower power"
Por Oskar Viéitez |