Pontevedra alza a súa voz contra o "masacre" de mulleres asasinadas pola violencia machista
Por Alejandro Espiño
Unha muller de 50 anos, veciña de Redondela, converteuse na segunda vítima mortal da violencia machista en Galicia no que vai de ano. Matouna, segundo as autoridades, a súa ex parella ao facer explotar dúas bombonas na súa casa. En España, van trece mulleres asasinadas en apenas dous meses. Unha "masacre", segundo Carmela Silva.
Este crime provocou que, unha vez máis, Deputación e Concello celebrasen unha concentración de repulsa ante o Pazo Provincial, onde a presidenta recoñeceu que "é difícil ter palabras para cualificar o que sentimos ante o que está a suceder".
Silva preguntouse "que máis ten que pasar" para que a violencia machista pase a ser a "gran prioridade" en España e que se asine un pacto de Estado nesta materia, xa que reiterou que estes asasinatos "terribles" alcanzaron cifras "intolerables".
Moitas das trece mulleres que foron asasinadas en 2017, do mesmo xeito que as persoas que as mataron, son xente nova. A presidenta da Deputación entende que este dato "nos ten que facer reflexionar" porque "hai algo que falla".
Para a dirixente provincial é "gravísimo" que despois de "tantos anos de democracia" e nunha sociedade que "avanzou moito", siga habendo "tantas mozas" que son asasinadas polas súas parellas ou as súas ex parellas.
Iso é debido, segundo Carmela Silva, a que non está a funcionar a educación en igualdade que, ao seu xuízo, debe impartirse "desde a cuna". Neste sentido, lembrou que ese era un dos obxectivos da materia Educación para a Cidadanía, materia que foi suprimida polo actual Goberno porque ao PP "non lle pareceu relevante".
Ademais, a presidenta da Deputación denunciou que non hai recursos "suficientes" para atender ás mulleres vítimas de violencia machista e mostrou a súa "indignación" porque cada vez que se produce un asasinato, nin o presidente da Xunta nin o presidente do Goberno denúncieno "en primeira persoa" e non sexan "durísimos" contra esta lacra social.
O alcalde de Pontevedra, pola súa banda, destacou que estes asasinatos son "inasumibles" para unha sociedade "moderna e democrática". Fernández Lores coincide en que a educación neste asunto está "mal plantexada desde hai tempo" e reivindicou que ante algo que "non é un accidente" se destinen os maiores esforzos económicos, lexislativos e sociais.
Relacionadas:
-
A Deputación quere que o Goberno ampare aos fillos de vítimas da violencia machista
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras acusa a Carmela Silva de usar as políticas de igualdade para a súa "promoción persoal"
Por Oskar Viéitez |
-
79 vítimas de violencia de xénero están baixo vixilancia policial en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A nova subdelegada do Goberno busca reducir os casos de violencia machista en Pontevedra
Por Anxo Lourido |
-
Fouces celebra que os pontevedreses "xa non se queden á marxe" en casos de violencia machista
Por Alejandro Espiño |
-
A violencia machista, ante o xurado
Por Redacción |