Un dron revisa a estrutura de madeira da Ponte da Barca
Por Oskar Viéitez
Ás 9 da mañá deste martes comezaron os traballos destinados a obter imaxes de alta resolución da ponte da Barca para avaliar o grao de deterioro e as necesidades de actuación.
Estes traballos foron encargados pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda co obxectivo de coñecer en detalle o estado de conservación da estrutura de madeira.
Esta inspección realízase despois da actuación acometida xa na ponte de forma inmediata tras o último temporal, cando os técnicos da Axencia Galega de Infraestrutura revisaron a cuberta e aseguraron os voadizos, as madeiras e as ancoraxes.
Ao longo da mañá o dron realizou unha serie de voos para a obtención de imaxes de alta resolución de cada unha das fixacións da estrutura de madeira que dá soporte á marquesiña da ponte.
Para isto empregouse un equipo multirrotor de catro brazos que alcanza unha altura de 120 metros e cun alcance de 500 metros que se manexa cun radio mando de conexión por wifi.
Isto permite o seguimento en vivo da misión, recibindo telemetría e imaxes.
Esta actuación forma parte dun proxecto destinado á rehabilitación da ponte da Barca, que, segundo estudos recentes, non se atopa en estado de ruina pero si é susceptible de melloras que favorezan a súa boa conservación.