O alcalde de Barro traslada á subdelegada do Goberno os problemas de seguridade na estrada N-550
Por Redacción
As peticións do alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, para a mellora da seguridade viaria na estrada N-550 ao seu paso polo núcleo de San Antoniño levárono este luns á Subdelegación do Goberno en Pontevedra, onde mantivo unha reunión coa nova subdelegada, Ana María Ortiz, e con responsables da Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia e da Unidade de Pontevedra.
Na reunión tamén se abordaron as alegacións presentadas polo Concello ao trazado da futura autovía A-57 e segundo o alcalde, os responsables de Carreteras asumen como razoables as peticións municipais sobre o enlace en Curro e a construción dunha rotonda no cruzamento coa N-550 no lugar do Lombo da Maceira. Esta estrada está pendente dun estudo de impacto ambiental.
En relación coa N-550, o rexedor trasladoulles os mesmos problemas de seguridade que xa no seu día fixo chegar á Xunta de Galicia e a Carreteras del Estado e urxiu executar o antes posible a solución para o cruce cara á rúa Areal, que representa un perigo diario para todos os vehículos que deben acceder á zona das Baladas, ao tanatorio e aos lugares de Valbón e Lardoeira.
O Concello de Barro lembra a través dun comunicado que xa no mes de marzo do 2016 o pleno da corporación acordou aprobar a proposta que fixo o Ministerio de Fomento de deseñar uns carrís centrais de espera que permitan os xiros á esquerda con seguridade. Segundo asegurou, os responsables de Carreteras do Estado informaron que estaba en proceso de redacción o proxecto e que agardaban telo rematado antes do verán.
Outro dos puntos conflitivos para a circulación en San Antoniño é o cruzamento coa estrada provincial PO-0506 Portela-Curro pola escasa visibilidade que hai para a incorporación dos vehículos en dirección Santiago. O alcalde transmitiulle a demanda histórica por parte do Concello da construción dunha rotonda nese cruce.
Segundo indicou despois da reunión, obtivo dos responsables gubernamentais o compromiso de que se van realizar estudos previos e logo van convocar unha reunión entre o goberno estatal, a Deputación Provincial e o Concello para buscar a mellor solución.
Relacionadas:
-
A reforma do cruce da N-550 coa Rúa Areal en Barro, pendente de licitación
Por Redacción |
-
Barro logra un compromiso da Xunta para pedir o cambio de trazado do enlace da A-57 en Curro
Por Redacción |
-
Queren garantir a seguridade peonil no Camiño de Santiago ao seu paso por Barro
Por Redacción |
-
Barro e Carreteras del Estado buscan unha solución á falta de seguridade viaria da N-550
Por Redacción |
-
Abraldes reitera a Fomento a necesidade de mellorar a seguridade viaria na N-550
Por Redacción |
-
Veciños de Barro demandan melloras de seguridade na N-550 ao seu paso por San Antoniño
Por Diego Espiño |