En Cerdedo-Cotobade quen composta paga menos
Por Oskar Viéitez
Ao coñecido criterio de quen "contamina paga" súmase agora a coletilla "pero se practica a compostaxe, paga menos" . Así o Concello de Cerdedo-Cotobade, a través da Oficina Municipal de Medio Ambiente, xa comezou os trámites co ORAL para recompensar aos participantes no proxecto piloto de compostaxe posta en marcha no antigo termo municipal de Cerdedo.
Co obxectivo de incentivar a separación en orixe de residuos, o Concello establece unha bonificación de 10 euros no importe do recibo para aqueles veciños que participen no proxecto de compostaxe establecida no concello e sempre que cumpran os requisitos e obrigacións do mesmo.
Dentro dos requisitos para poder optar á bonificación era asistir á sesión formativa organizada polo Concello e facilitar as tarefas de seguimento a través das visitas casa por casa para revisar o uso do compostero e resolver dúbidas para mellorar o proceso.
Tras o seguimento realizado ao longo do ano 2016, a Oficina Municipal de Medio Ambiente enviou ao ORAL a lista de usuarios de Cerdedo que cumpriron con estes requisitos para que proceda á redución de 10 euros do recibo de lixo correspondente ao ano 2016.