Os bombeiros celebran o seu patrón reivindicándose como profesión fronte ás 'empresas de limpeza'
Por Natalia Puga
O Corpo de Bombeiros de Pontevedra está de festa. Este venres todos os efectivos que o integran congregaron no parque municipal autoridades e representantes das Forzas de Seguridade para celebrar o día do seu patrón, San Juan de Dios. Aínda que estaba concibido como un acto festivo, as reivindicacións estiveron máis presentes do habitual e leváronos a defender a súa profesionalidade fronte ao intrusismo.
Nas últimas semanas o Corpo ocupou titulares non só por realizar os traballos de atención de incendios e emerxencias habituais, senón pola recente adxudicación da xestión indirecta, mediante concesión administrativa, do Consorcio Provincial de Bombeiros e polo novo mapa de emerxencias deseñado pola Xunta de Galicia.
O novo mapa de emerxencias empezará a aplicarse en abril, pero xa tivo as primeiras críticas en febreiro, cando un incendio rexistrado en Poio, a 500 metros do parte dos Bombeiros de Pontevedra, levou ao 112 a mobilizar aos Bombeiros do Salnés e non aos pontevedreses. Público é o desacordo dos traballadores do servizo municipal de incendios a este redeseñar das emerxencias e no día do seu patrón volveu saír á luz.
No caso do novo Consorcio Provincial de Bombeiros, a Deputación de Pontevedra adxudicouno á firma Mantemento de Infraestruturas SA (Matinsa), por algo máis de 21 millóns de euros. Esta sociedade do grupo da coñecida Esther Koplowitz xestionará os parques comarcais Ribadumia, Vilagarcía, ou Porriño e Bueu, como mínimo, os próximos oito anos. A súa entrada na xestión de emerxencias non tivo boa acollida entre os profesionais capitalinos e o xefe do Parque Municipal, Manuel Torres, fixo unha alusión velada, pero facilmente atribuíble, no seu discurso do patrón.
Manuel Torres recordou que a lei recolle que a profesión de bombeiro debe formar parte da Administración directamente e non a pode obstentar outro persoal que non sexa público e quixo reivindicar a profesionalidade de toda o equipo do parque pontevedrés, que tivo que pasar duras probas para entrar a formar parte do Corpo, fronte ao equipo doutros parques.
"Parece que nos poden substituir empresas de recollida de lixo ou de limpeza", indicou, en alusión a Celta Prix, concesionaria nos últimos anos dos parques do Salnés, O Morrazo e O Porriño e, ao mesmo tempo, da recollida de residuos sólidos urbanos en numerosos municipios da provincia. Torres non quixo poñer en dúbida a profesionalidade doutros compañeiros da provincia, aos que respecta e dos que eloxia o seu traballo, pero si insistir na necesidade da profesionalización.
Ao acto acudiron representantes do Goberno local de Pontevedra (o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o tenente de alcalde, Antón Louro; e a edil de Seguridade, Carme da Silva), da oposición (os edís do PP Jacobo Moreira e María José Rodríguez) e das Forzas de Seguridade, como o intendente da Policía Local, Daniel Macenlle; o comisario da Policía Nacional, Guillermo Sánchez; e autoridades da Comandancia da Garda Civil; así como o subdelegado do Goberno, Antonio Coello.
Manuel Torres aproveitou para recordar a provisionalidade do seu cargo á fronte dos Bombeiros de Pontevedra. "Estou provisional, é sabido por todos e para min cada ano é un ano menos que me queda aquí", indicou, se ben non puxo data ao seu cesamento no cargo.