Sanxenxo aplaude a rectificación da Xunta do decreto dos socorristas
Por Redacción
De forma moi positiva valora a concelleira de Seguridade e Persoal en Sanxenxo, Vanessa Rodríguez Búa, as modificacións introducidas pola Xunta no decreto de 2012 que regula o sector do salvamento acuático e o socorrismo, xa que este provocou "serios problemas" na contratación deste persoal durante os últimos veráns.
Rodríguez Búa recoñece que a ampliación do período transitorio para adaptarse ao decreto que obriga aos socorristas galegos a dotarse dun certificado de profesionalidade, esixíndoo en 2021, supón un incremento de profesionais no mercado, xa que permite exercer a estudantes de Inef e Tafad.
Neste sentido, a concelleira de Seguridade de Sanxenxo recoñece a "valentía" da Xunta, única administración con competencias para a regulación do sector do salvamento acuático e o socorrismo, para "corrixir as nefastas consecuencias" que o decreto de 2012 tivo para municipios turísticos, como o caso de Sanxenxo, que se viron na "obrigación de renunciar" a Bandeiras Azuis por non dispoñer do persoal de socorristas na data marcada pola Adeac.
Por outra banda, Vanessa Rodríguez Búa recomenda ao grupo municipal do PP, encabezado por Telmo Martín, que "antes de criticar a acción de goberno se interese por coñecer as competencias locais na materia, unha cuestión na que o propio vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, poderíalles facilitar ampla información" xa que estivo negociando no último ano a adaptación de medidas cos gobernos dos propios municipios afectados, entre eles o de Sanxenxo.
"Telmo Martín resólveo todo dicindo que pasan os meses e o goberno local non fai nada. Para el fai oposición reside exclusivamente en dinamitar a imaxe do goberno faltando á verdade e confundindo á opinión pública", explica a edil de Seguridade, que lembra que Sanxenxo contou o pasado verán cun persoal de 56 socorristas, aínda que non todos puideron ser contratados antes do 10 de xullo, data tope imposta pola ADEAC para o izado das bandeiras.
Relacionadas:
-
Sanxenxo inicia o proceso de selección de socorristas e sanitarios para as súas praias
Por Redacción |
-
O PP reclama á Deputación colaboración cos concellos na contratación de socorristas para as praias
Por Redacción |
-
Marín e Bueu preparan 32 futuros socorristas para o verán
Por Antía Fernández Buján |
-
Marín e Bueu estudan coordinar os seus socorristas con Moaña e Cangas
Por Redacción |
-
Telmo Martín acusa o goberno de Sanxenxo de falta de liderado durante 2016
Por Redacción |
-
Sanxenxo presume de salvamento
Por Redacción |