Ponte Caldelas esixe á Xunta que comece xa as obras da PO-234
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas lémbralle á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que o pasado mes de novembro quedou en volver sentarse co alcalde, Andrés Díaz, "despois das festas de Reis" para falar das obras da estrada autonómica PO-234. Sen embargo, entrados na recta final do mes de febreiro, non se ten convocado a prometida xuntanza.
O Goberno local tripartito, formado polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, está "disposto a retomar o calendario de mobilizacións", interrompido a finais do pasado ano ao iniciarse a interlocución coa Consellería, "se non hai prontas novidades". Nos últimos días producíronse contactos coa Plataforma veciñal e constatouse que "se está a reactivar a preocupación veciñal diante do prolongado silencio por parte da Xunta de Galicia".
O alcalde agarda que a Consellería teña "recapacitado" neste tempo e priorice o tramo caldelán desta estrada, atendendo así ás "lexítimas reclamacións" dos veciños de Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade, poñendo así fin á "cacicada da PO-234", é dicir, "ao anuncio partidista por parte da Consellería durante as últimas Eleccións Autonómicas de que as obras limitaríanse só ao tramo cotobadés, onde non hai nin a mesma problemática de seguridade viaria nin existe a presión urbanística da zona de Laxoso".
Andrés Díaz insiste en que chegou a hora de que a Xunta de Galicia asuma as súas competencias exclusivas na reforma integral dunha vía que forma parte da Rede Autonómica de Estradas. "Ninguén pode dicir que o Concello de Ponte Caldelas non colaborou, porque primeiro nos anunciaron que as obras se farían por Laxoso cun procedemento normal de expropiación; logo cambiaron de opinión e xurdiu a "cacicada da PO-234" e, finalmente, ocorréuselles esixirnos que acadaramos as sinaturas dos propietarios das 99 parcelas afectadas pola obra, cando ese trámite correspóndelle só á Xunta como titular da estrada e chámase levantamento de actas previas".
O Concello accedeu a tratar de recoller esas sinaturas "de boa vontade" dos veciños, deixando clara a "falta de eficacia" desa documentación por falta de competencia material. A conselleira entregou unha relación de bens e dereitos afectados elaborada por unha empresa privada. Non obstante, a listaxe está confeccionada dun xeito moi deficiente, con numerosos erros de identificación e datos sen actualizar. Na relación hai xente que reside en diversos lugares de España, mesmo en Baleares, persoas falecidas, outras que afirman non ser propietarias, parcelas que foron divididas e herdadas e, finalmente, varias fincas "en investigación" porque a consultora non foi quen de localizar aos donos. "As circunstancias normais e habituais nas obras dunha estrada e que se resolve cos habituais anuncios no DOG e convocando oficialmente aos afectados", conclúe Díaz.
Relacionadas:
-
Os populares de Ponte Caldelas critican ao concello por malgastar e perder o tempo
Por Oskar Viéitez |
-
A PO-234, en obras o próximo verán polo tramo de Cotobade; Ponte Caldelas terá que esperar
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Andrés Díaz tacha de "falta de respecto institucional" a ausencia da conselleira na reunión sobre a PO-234
Por Redacción |
-
Andrés Díaz reta a Rueda a visitar Ponte Caldelas para abordar a discriminación da Xunta co Concello
Por Redacción |
-
Andrés Díaz expresa o seu enfado e "decepción" a Ethel Vázquez pola reforma da PO-234
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas invita á conselleira de Infraestruturas a "percorrer o perigoso trazado da PO-234"
Por Redacción |