Deteñen dúas persoas por unha queima que se descontrolou e causou un incendio en Cotobade
Por Redacción
A Policía Autonómica detivo dúas persoas como presuntos autores dun incendio forestal que tivo lugar o pasado día 4 de marzo en Cotobade. O lume, que foi a consecuencia dun escape de queima, afectou a unha superficie de 3.400 metros cadrados de monte raso e arborado. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Pontevedra.
Estas dúas persoas forman parte dos seis detidos polo corpo policial autonómico nos últimos días. Xunto eles, tamén identificaron aos presuntos autores de incendios forestais nos concellos da Cañiza, na provincia de Pontevedra; e Manzaneda, en Ourense.
No primeiro caso, membros da Policía Autonómica de Vigo procederon á imputación de tres persoas como presuntas autoras dun incendio forestal o pasado 28 de febreiro no lugar do Couto, concello da Cañiza, que afectou a 3.000 metros cadrados de monte arborado.
As lapas orixináronse como consecuencia do escape dunha queima para a que non contaban coa pertinente autorización nin se adoptaron as medidas básicas de seguridade. Por estes feitos, tramitáronse as correspondentes dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Ponteareas.
13 incendios en Manzaneda
Pola súa banda, axentes da Autonómica en Ourense procederon á detención dun veciño de Manzaneda ao que se lle atribúen 13 incendios forestais producidos nos últimos anos na zona, dos cales recoñeceu a autoría dalgún na súa propia declaración. O último incendio tivo lugar o pasado día 20 de febreiro e para a súa extinción foi necesaria a actuación do Servizo de Extinción de Incendios da Xunta.
O detido, unha vez oído en declaración, foi posto en liberdade coa obriga de comparecer ante a autoridade xudicial cando fose requirido. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Pobra de Trives, en Ourense.