Vilagarcía reivindica o papel da muller
Por Aitana Vidal & Anxo Lourido
Coa presenza do alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, desenvolveuse unha concentración na Praza do Concello na que se leu o manifesto elaborado polo Conselo local da Muller e que foi aprobado polo Pleno da Corporación en conmemoración do 8 de marzo.
As actividades continuarán este sábado 9 de marzo coa celebración do Maratón Fotográfico de afeccionados que chega á súa quinta edición. A partir das 10:30 da mañá, os participantes deberán presentarse na Casa de Cultura de Carril. Alí escolleranse os tres temas que serán motivo das fotografías. Os temas estarán relacionados coa igualdade entre sexos e co traballo das mulleres. A partir dese momento, os fotógrafos poderán buscar pola cidade as imaxes que consideren mellores para retratar.
Ás 13:30 horas, na Casa de Cultura de Vilaxoán haberá un novo control coa entrega aos concursantes dun número de identificación. E entre as 18:30 e as 19 horas, os fotógrafos terán que entregar as imaxes no Auditorio.
Os tres mellores traballos recibirán un premio dotado cada un con 200 euros. A partir do 22 de marzo, todas as fotos serán expostas no Auditorio.