Campolongo e Médico Ballina completarán a rede de parques infantís de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Dous novos parques infantís sumaranse moi pronto á oferta de equipamentos da cidade de Pontevedra. Trátase dos que o Concello instalará en Médico Ballina e en Campolongo. O anteproxecto de ambas as actuacións xa está ultimado e, segundo explicou o concelleiro Luís Bará, serán licitados antes de que finalice este ano 2017.
O goberno municipal reunirase cos veciños dos dous barrios para presentarlles estas propostas técnicas e recoller as suxestións e achegas que queiran realizar.
No caso de Médico Ballina, o parque ocupará 1.200 metros cadrados dos terreos que ADIF cedeu ao Concello tras as obras do Eixo Atlántico de alta velocidade. Nel, investiranse uns 90.000 euros.
A ordenación do espazo inclúe o mobiliario habitual para este tipo de equipamentos como tobogáns, escaleiras, randeeiras e outros xogos infantís. A principal novidade é que se prevé incluír unha pequena tirolina nun dos extremos do terreo. Ademais, o Concello quere buscar unha zona neste ámbito para completar o parque cunha pista deportiva.
Máis ambicioso será o parque de Campolongo, que supoñerá un investimento de 300.000 euros. A idea, segundo Bará, é converter parte do Parque da Constitución en "algo parecido" ás Palmeiras. Estes dous parques, xunto con Barcelos, sería o "triángulo" de grandes áreas infantís da cidade.
O proxecto do Concello inclúe dividir este parque, que terá uns 1.700 metros cadrados e integrará as árbores que hai neste espazo, en tres áreas que ocuparían toda a zona situada entre as piscinas e o paseo Valle Inclán -onde está tapado o río Gafos-, deixando a igrexa de San José á súa esquerda.
A primeira delas estará reservada para nenos menores de seis anos e contará con balancíns e pequenos xogos reunidos ao redor dunha estrutura que imitará a un barco, cheo de tobogáns e redes; mentres que a segunda será unha especie de área de estar para os acompañantes dos nenos, con mesas e bancos.
A zona máis ampla será a que acollerá a área para nenos maiores de seis anos e que, segundo Bará, acollerá equipamentos de gran tamaño que serán "referenciais" en Pontevedra. Así, entre outras cousas como randeeiras ou xogos varios, proxéctase unha columna elevada duns seis metros que terá grandes tobogáns e outras atraccións.
Tanto en Médico Ballina como Campolongo, segundo Luís Bará, hai unha "demanda evidente" deste tipo de parques infantís. Ambas as actuacións sumaranse ás ampliacións previstas en Barcelos e en Monte Porreiro para completar o "mapa" destes equipamentos na cidade.
Relacionadas:
-
Veciños de Médico Ballina saen á rúa: "Nos hemos hartado de que nos humillen y nos engañen"
Por Natalia Puga |
-
Licitan por 300.000 euros a construción do parque infantil de Campolongo
Por Alejandro Espiño |
-
Fartos de agardar por un parque infantil en Médico Ballina
Por Anxo Lourido |
-
O PP critica o atraso na construción do parque infantil de Médico Ballina
Por Redacción |
-
O PP denuncia a parálise das áreas encomendadas ao concelleiro Luis Bará
Por Oskar Viéitez |
-
Proxectan crear un gran parque infantil, de última xeración, en Campolongo
Por Anxo Lourido |
-
Inminente transferencia ao Concello da ponte de ferrocarril de Monte Porreiro e os falsos túneles de ADIF
Por Redacción |