Sanidade garante o seu compromiso con Aspace
Por Redacción
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, reiterou esta semana o compromiso do Servizo Galego de Saúde cos pacientes con parálise cerebral e ofreceu o apoio do sistema sanitario público galego á Federación Galega de Asociacións de Atención a Persoas con Parálise Cerebral, Aspace, en todos os seus actos formativos e informativos destinados ao asesoramento ás familias, de emprego e formación ou de integración socio-laboral.
Almuiña visitou esta semana a sede de Aspace en Pontevedra e mantivo unha reunión cos responsables da entidade acompañado pola xefa territorial de Sanidade, Ángeles Feijoo-Montenegro, e a subdirectora xeral de Atención ao Cidadán e Calidade do Sergas, Beatriz Pais Iglesias. No encontro tamén estiveron o presidente de Aspace, Eulogio López Río; o xerente, Ignacio Pérez Figueroa; a secretaria da Federación, Concepción Somoza Torres; a tesoureira, Mónica Touriño Soto; e Daniel Varela, vogal da entidade.
A Consellería de Sanidade reseñou a través dun comunicado que os usuarios de Aspace son beneficiarios da tarxeta AA, que implica prioridade no acceso aos servizos sanitarios e que permite que estean acompañados por un familiar durante os procesos de atención sanitaria, co que se pretende mellorar a seguridade das persoas con parálise cerebral e diminuír o seu nivel de ansiedade durante os actos médicos.
No comunicado difundido este sábado tamén lembran que Aspace forma parte do Consello Asesor de Pacientes dende a constitución deste organismo, e que, ademais, existe unha relación moi fluída entre Aspace e a Escola Galega de Saúde para Cidadáns, organismo dependente da Consellería de Sanidade.
Relacionadas:
-
A discapacidade intelectual non é un obstáculo para ser funcionario
Por Redacción |
-
Amencer-Aspace continua o seu proxecto pioneiro "Inclusión á Inversa"
Por Luca Yohan Silva Lamy |
-
Persoas con parálise cerebral loitan por entrar no mercado laboral
Por Redacción |
-
Cinco asociacións de Pontevedra poñen en marcha o proxecto "Xuntos no Camiño"
Por Redacción |
-
Hugo e a súa nai, gañadores do concurso "En ASPACE cociñamos xuntos"
Por Redacción |