A xuízo por enganar 45 menores para que lle enviasen imaxes sexuais
Por Redacción
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial acollerá o vindeiro martes 14 de febreiro un xuízo sen precedentes en Pontevedra: xulgarase un delito de sexting. Sentará no banco un acusado de contactar con, polo menos, 45 menores da provincia facéndose pasar por unha menor para conseguir que lle enviasen imaxes de contido sexual.
A Fiscalía da Audiencia Provincial solicita que o home sexa condenado a 15 anos de prisión polos delitos de sexting e de elaboración de pornografía infantil, 66 anos en liberdade vixiada e sen contacto algún con menores, que se someta a un programa de educación sexual e que indemnice os dez nenos identificados cun total de 19.000 euros. O xuízo podería resolverse cun acordo de conformidade.
O caso derívase dunha investigación seguida nos xulgados de Cambados e, unha vez concluída, o fiscal sostén no seu escrito de acusación que cometeu os delitos entre os anos 2013 e 2014. Destaca, así mesmo, que o acusado colaborou activamente na investigación policial e xudicial, facilitando a realización da entrada e rexistro no seu domicilio, exhibindo voluntariamente o contido do seu teléfono móbil, e recoñecendo os feitos ante a Garda Civil.
O acusado contactaba cos menores, de idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos, a través da rede social Tuenti e do programa Skype. Nos seus contactos, facíase pasar por unha adolescente de catorce ou quince anos e, tras iniciar unha conversación cos menores, acababa pedíndolles fotografías atrevidas ou en roupa interior e en función da resposta obtida, solicitaba que lle enviasen imaxes máis explícitas nas que estivesen espidos ou en actitudes de índole sexual.
Por mor da investigación policial, incautáronselle ao acusado varios teléfonos móbiles e dispositivos informáticos nos que se atoparon unha gran cantidade de fotos e vídeos de contido sexual explícito con menores. E confirmouse que catro dos dez menores identificados accederon a enviarlle fotografías, que o acusado recibiu a través das redes sociais ou de Whatsapp.
Relacionadas:
-
Condenado a máis de 15 anos de cárcere por enganar 45 menores para obter imaxes sexuais
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada