Nun dos reseñables aspectos en que coinciden as tres empresas que hoxe conforman o programa Pontevedra ten un puntazo de PontevedraViva Radio, é na "competencia colaborativa".
Era Comunicación cumpre este ano o seu quince aniversario e tanto Esther Bailón como José Antonio Pérez, apuntan que desde os seus inicios compartiron espazos con outros profesionais cos que interactúan e complementan proxectos; polo que coñecen esas sinerxias que promove a iniciativa do Concello.
Ese espírito de colaboración, igualmente descríbeno Vanesa López Chousa e María Vila García, as dúas mulleres que en 2001, practicamente recén saídas da Facultade decidíronse a montar Trisquelia. Esa disposición colaborativa non só a aplican no ámbito empresarial, senón tamén no ámbito académico, xa que adoitan colaborar coa Universidade de Vigo. Ambas apuntan outro aspecto importante que reporta "o Puntazo" a formación aos emprendedores ou a quen xa están embarcados no seu proxecto empresarial.
Ismael Calvo, propietario de Ovo Publicidade, exemplifica esa colaboración con eventos nos que se demostrou a eficacia desa interconexión entre as empresas do sector radicadas na cidade: "permitiu realizar proxectos que doutra forma non serían posibles, ou polo menos, non terían o mesmo resultado que tiveron como foi o caso de Etiqueta Negra". Creou en solitario a súa empresa en 2002 e nestes trece anos desenvolveu algunhas campañas institucións de notable impacto social.