Juan Veiga Alfonso será nomeado fillo adoptivo de Bueu
Por Redacción
O vindeiro martes 14 de febreiro ás 19.00 horas, o Concello de Bueu celebrará un pleno extraordinario para nomear Fillo Adoptivo de Bueu a Juan Veiga Alfonso, un home que durante 44 anos exerceu o seu labor como practicante, como ATS e como enfermeiro na vila do Morrazo.
Todos os grupos municipais mostráronse a favor desta proposta do concelleiro de Cultura, Carlos Eirea, na que se destaca a traxectoria deste home que cunha desinteresada vocación de servizo realizou un desempeño das súas funcións máis aló do esperado.
No ano 1973 este enfermeiro chegaba á vila para realizar unha substitución do practicante titular. Unha vez aprobadas as oposicións en Madrid tomou posesión como enfermeiro titular de Asistencia Pública Domiciliaria. Veiga estableceu unha consulta propia para dar resposta ás necesidades sanitarias que non podían ser cubertas por un sisema sanitario precario. Durante 16 anos non colleu vacacións e colaborou con calquera entidade que solicitaba a súa participación en calquera esfera social. Foi remeiro, patrón e presidente no Clube de Remo Vila de Bueu. Formou tamén parte do equipo de fútbol sala da Casa do Mar e profesor de música informal apoiando aos adolescentes da Banda do Río.