Deteñen no parking da praza de abastos un home con 2,1 quilos de haxix no seu coche
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra detivo o pasado mércores 1 de febreiro un home que se atopaba en posesión de 2,1 quilos de haxix.
A detención levouse a cabo no interior do aparcadoiro soterrado do mercado de abastos despois dunha operación de seguimento por parte dos axentes.
O operativo iniciouse ao redor das 17:00 horas, momento no que unha patrulla da Policía Local localizou nos arredores da praza de abastos a un home coñecido pola súa presunta relación coa venda de sustancias ilegais.
Segundo explica a Policía, ao darse conta da presenza dos axentes o home, de 35 anos, empezou a actuar de maneira rara, polo que ao sospeitar que pretendía realizar unha transacción de droga iniciaron a vixilancia.
Tras constatar que o home aparcara o seu coche no interior do parking do mercado e que pouco despois abandonaba o lugar en compañía doutra persoa, comprobando en todo momento se o estaban seguindo, a patrulla decidiu esperalo no propio aparcadoiro.
Ao seu regreso, sobre as 20:50 horas, e tras identificarse os axentes preguntáronlle se portaba droga no interior do seu coche, ao que respondeu negativamente. Con todo ao inspeccionar o vehículo os axentes atoparon no maleteiro unha bolsa de plástico con pan reseso e debaixo numerosas landras de haxix.
Nese momento a Policía Local procedeu á súa detención, comprobando despois que portaba un total de 2,1 quilos de droga, polo que se lle imputou un presunto delito contra a saúde pública por tráfico de sustancias estupefacientes.