Detido por ameazar e coaccionar unha menor por Tuenti, Facebook e Whatsapp
Por Redacción
Un veciño de Vilagarcia levaba dende mediados de decembro ameazando e coaccionando unha menor a través das redes sociais Tuenti e Facebook e do sistema de telefonía Whatsapp. Así o denunciou a suposta vítima, a través da súa nai, na Comisaría da capital arousana. O home rematou detido. Trátase dun mozo de 28 anos a quen se lle acusa dun delito de ameazas e coaccións a través de Internet.
A nai da menor denunciou os feitos o 31 de xaneiro. Explicou que a súa filla estaba a ser vítima de continuas ameazas por parte dun individuo que manifestaba que a ía matar e que lle ía facer dano a toda a súa familia, xa que sabía onde vivía e estudaba.
Segundo consta e a denuncia, este individuo chegou a abrir un perfil a nome da menor no que colgara fotos dela e as súas amigas e durante o mes de decembro foi máis alá da Rede e un día abordouna pola rúa e ameazouna por bloquearlle o Whatsapp.
A raíz da denuncia os axentes iniciaron as investigacións para tratar de descubrir a identidade do individuo e descubriron que xa había dúas denuncias similares noutro localidade arousana.
En ambas as dúas o presunto autor dos feitos comeza contactando con menores de idade a través das redes sociais e, a diferenza do que sucedeu con este último caso resolto, nas denuncias anteriores chegaran a concertar unha cita na estación de autobuses da cidade tras proferir insultos e ameazas con colgar datos e fotos persoais de carácter comprometido nas redes sociais.
Os axentes lograron identificar o presunto autor dos feitos o 18 de febreiro e trasladárono á Comisaría e puxeron a disposición xudicial. A Policía Nacional alerta de que se trata dun caso de 'Grooming', unha modalidade delituosa que se caracteriza en que un adulto establece unha relación cunha menor co fin de exercer un control emocional sobre ela para preparar o terreo para manter algunha relación persoal, chegando a premer a persoa acosada para manter relacións sexuais ou conseguir que mostre algunha parte do seu corpo nu a través da rede.