Oito novas empresas instalaranse no viveiro de Barro-Meis
Por Redacción
A comisión de selección da Deputación de Pontevedra aprobou este venres a instalación de oito novas empresas no viveiro de empresas de Barro-Meis, propiedade da institución provincial, que pasarán a ocupar un total de seis naves e cinco oficinas deste espazo.
Deste xeito o viveiro, acollerá un comercio ao por menor de produtos alimenticios en establecemento, unha empresa de venda de tratamento de augas, un negocio dedicado á captura, explotación, proceso e comercialización de produtos invertebrados do mar, ou unha empresa de deseño e fabricación de compoñentes de aluminio.
Ademais, tamén se incorporan un comercio exterior de importación e exportación de peixes e mariscos, un negocio de servizos técnicos de enxeñaría, asistencia métrica e posta en valor en sectores como o patrimonio naval, cultural, obra civil e industrial, un comercio de restauración estética e recuperación de vehículos, e por último, unha empresa de xestión e tramitación de subvencións e licitacións públicas a pequenas e medianas empresas.
O viveiro de empresas de Barro-Meis conta con 16 naves, 24 oficinas e 3 espazos de coworking con capacidade para 12 postos de traballo. Con estas novas solicitudes, que se suman ás aprobadas con anterioridade, as taxas de ocupación do viveiro son do 62,5% no caso das naves e do 58,3% en canto ás oficinas.
O pasado mes de outubro a Deputación de Pontevedra decidiu baixar o prezo destes espazos ata máis da metade co obxectivo de facer que as naves e oficinas dos viveiros sexan máis atractivas para a instalación de novas empresas.
Relacionadas:
-
O novo centro loxístico de Froiz que dará traballo a máis de 500 persoas estará listo en tres anos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Xa podes mercar algunha das 48 parcelas dispoñibles no polígono de Barro-Meis
Por Redacción |
-
Froiz espera abrir o seu novo centro loxístico en "dous ou tres anos"
Por Redacción |