Unha nova partida do Plan Concellos servirá para empregar a 234 persoas
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que a Xunta de Goberno da institución provincial vai aprobar este venres a concesión de 1.659.167,79 euros do Plan Concellos 2017.
Estes cartos irán destinados a doce concellos, entre eles A Lama, Moraña, Poio, ou Portas. Con esta achega, e coas aprobadas a semana pasada, a institución provincial leva xa investidos 2.592.186,64 euros que están a permitir que vinte concellos da provincia poidan contratar a 347 persoas para manter e garantir os servizos municipais.
Carmela Silva subliñou a necesidade de que "as administracións sigamos impulsando medidas para loitar contra o desemprego".
A presidenta da Deputación entende que "sen esta liña os concellos da nosa provincia dificilmente poderían prestar servizos básicos xa que somos a única administración que pon á súa disposición recursos que permiten contratar a persoal e garantir así que poidan seguir prestando estes servizos, cubrindo ocos que está a provocar a lexislación aprobada polo goberno de Rajoy".