Denuncian no xulgado o posible envelenamento nunha colonia felina en Rafael Dieste
Por Redacción
Un grupo de cidadáns presentou unha denuncia no xulgado de garda de Pontevedra ante o posible envelenamento de dous gatos que pertencían a unha colonia felina situada na rúa Rafael Dieste.
A asociación animalista Libera fíxose eco desta denuncia e encargouse de asesorar a estes veciños, que habitualmente xestionan esta zona dentro do programa municipal de esterilizacións.
O escrito, presentado o pasado día 25, fai referencia a dúas situacións de potencial envelenamento ocorridas os días 12 e 16 de xaneiro, onde se atoparon senllos gatos moribundos e sen sinais aparentes de sufrir malos tratos ou de ser atropelados, unha situación que adoita ocorrer en colonias situadas en contorna de estradas e rúas.
Os animalistas sinalan que os voluntarios desta colonia felina puxéronse en contacto coa entidade para coñecer os posibles pasos para denunciar o que podería ser unha conduta constitutiva de delito.
O Código Penal tipifica o uso de velenos e tóxicos contra os animais con penas de prisión de ata dous anos, e inhabilitacións especiais por un máximo de 36 meses.
Neste sentido, os defensores dos animais advirten que non se trata dunha situación nova, senón que durante o último ano foi constante o goteo de situacións de envelenamento de animais que viven nas rúas de Pontevedra.
Liberta advirte que a impunidade "non é eterna" e asegura que denunciará a partir deste momento calquera sospeita de colocación de cebos nocivos na vía pública, non só por motivos de benestar animal, senón tamén de seguridade e saúde pública.