Poio deseña un Plan de Emprego para contratar 28 desempregados
Por Redacción
O Concello de Poio solicitou unha subvención da Deputación de Pontevedra para poñer en marcha un plan de emprego no municipio a través do que se contratará a 28 persoas desempregadas de diversas categorías profesionais.
Segundo informou o concelleiro de Persoal, Turismo e Seguridade Cidadá de Poio, Xosé Lois Martínez Blanco, a contratación farase previo estudo de necesidades urxentes e inaprazables e os seleccionados incorporaranse a traballar no Concello previsiblemente a partir do mes de marzo.
Os desempregados contratados serán peóns para a limpeza de praias, obras públicas e xardinería; condutores-palistas; electricistas; albaneis; dinamizadores socioculturais e animadores xuvenís; conserxes; limpadores; traballadores sociais; e auxiliares de clínica. Terán contratos de entre 4 e 9 meses, segundo as necesidades e categorías.
Todas estas persoas serán preseleccionadas a través da Oficina de Emprego e, posteriormente, a través dunhas bases de contratación de persoal laboral temporal que se aprobarán nos próximos días.
Esta semana o Concello xa presentou a solicitude de subvención cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación por un importe de 226.802,42 euros. O concelleiro de Persoal considera que se trata dunha medida "moi positiva", pois favorecerá a inserción laboral e diminuirá a taxa de desemprego no municipio, que destaca que está por debaixo do 17%, fronte ao 26% do ano 2012.
O goberno local considera unha prioridade o emprego da veciñanza para acadar un bo nivel de vida no municipio e poder xerar oportunidades de empresas e de negocio que revitalicen definitivamente a situación económica que "aínda non se ten estabilizado completamente" pese ao nivel de creación de empresas de Poio, o terceiro concello da comarca.
Relacionadas:
-
O parque móbil municipal de Poio incorpora cinco novos vehículos
Por Redacción |
-
Chegan cen novos contratos ao abeiro do Plan Concellos
Por Oskar Viéitez |
-
A Lama contratará quince desempregados no marco do Plan Concellos
Por Redacción |
-
Unha nova partida do Plan Concellos servirá para empregar a 234 persoas
Por Oskar Viéitez |
-
Poio recibirá máis dun millón de euros do Plan Concellos
Por Redacción |