O orzamento municipal, ao xulgado: o PP confirma que recorrerá a súa aprobación no pleno
Por Alejandro Espiño
Confirmado. O orzamento municipal para 2017 acabará nos tribunais. Así o ratificou o portavoz do PP, Jacobo Moreira, no pleno deste venres, despois de que a corporación aprobase definitivamente estas contas ao rexeitar as tres alegacións presentadas.
Moreira explicou que, tal e como se adiantou esta semana, presentarán un recurso administrativo contra a aprobación do orzamento e, paralelamente, dirixiranse ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para denunciar as presuntas irregularidades que se cometeron na súa tramitación.
Para os populares, non se seguiu o "cauce adecuado" para a aprobación deste orzamento e se incumpriu o dereito que ten a oposición a que se debata as emendas presentadas. Así, o portavoz do PP reiterou que todo o percorrido que seguiron as contas municipais está "viciado".
Ademais de servir de "moneda de cambio" para "apuntalar" ao alcalde de Santiago, Jacobo Moreira acusou ao goberno municipal de manter unha actitude "dictatorial" ao tratar de poñer unha "mordaza" aos partidos que, como representantes dos cidadáns, teñen o "derecho básico" de presentar as devanditas emendas.
O portavoz do PP xustificou a presentación do recurso nos tribunais porque "tenemos que defender a los vecinos que representamos y que ustedes han despreciado". Moreira explicou que os populares teñen un prazo de dous meses para realizar este trámite.
Por parte do goberno municipal, o edil de Facenda asegurou que o discurso do PP está un "pelín reseso" ao atopar coincidencias co dito en anos anteriores tras a presentación dos respectivos orzamentos. En todo caso, defendeu que as contas son "excelentes" e que, como reclaman os populares, "é mellor ter un orzamento a non telo".
En todo caso, o pleno rexeitou as tres alegacións ao orzamento, presentadas polo Partido Popular, Comisións Obreiras e a asociación animalista Libera, co voto en contra do BNG e a abstención do resto dos grupos políticos nalgunhas delas.
LUZ VERDE AO POLÍGONO DO VAO
O pleno deste venres tamén aprobou definitivamente a modificación puntual do plan urbanístico de Pontevedra que permitirá ampliar o polígono comercial do Vao. Trátase do último trámite, tras os informes favorables da Xunta, para que os seus promotores poidan comezar a materializar este proxecto.
Este trámite foi aprobado por todos os grupos políticos, fóra de Marea Pontevedra, cuxo portavoz Luís Rei criticou que a corporación se prestara a facer o "caldo gordo" aos promotores dun polígono que supoñerá "cicuta" para o comercio local e para a protección da Xunqueira de Alba, ao reducir a 100 metros a franxa de protección.
Relacionadas:
-
As dúas demandas presentadas polo PP contra o orzamento de 2017 seguen o seu trámite
Por Alejandro Espiño |
-
O orzamento de Pontevedra, impugnado: o PP formaliza dous recursos xudiciais
Por Alejandro Espiño |
-
Os deteriorados vestiarios do campo de Ponte Sampaio serán renovados
Por Alejandro Espiño |
-
Haberá cambiadores para bebés nos aseos masculinos e femininos dos edificios municipais
Por Alejandro Espiño |
-
O PP levará o orzamento municipal ante a xustiza
Por Alejandro Espiño |
-
As tres alegacións ao orzamento municipal serán desestimadas
Por Alejandro Espiño |
-
A abstención de Marea permite o BNG aprobar o orzamento municipal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |