Aprendendo a coidar a saúde facendo deporte e comendo ben
Por Redacción
Adestrar aos escolares pontevedreses en conceptos como os efectos saudables dunha boa alimentación e da actividade física é o obxectivo dunha colaboración entre a Concellería de Educación e a Sociedade Deportiva Teucro. A presenza do xogador de balonmán Carlos García foi o principal aliciente da xornada Saúde, alimentación e actividade física, ao seu paso polo colexio Marcos da Portela.
En total, 586 rapaces de terceiro e cuarto de Primaria participan nun programa co que se intenta concienciar contra a vida sedentaria e a alimentación inadecuada, baseada na comida rápida e a pastelería industrial. Cada un dos obradoiros está formado por grupos de 25 alumnos e consiste nunha charla moi amena, duns 50 minutos, reforzada por unha figura de referencia no deporte local.
A cada neno entrégaselle un lote de merenda saudable composto por un bocadillo, unha froita, iogur e auga. O profesorado recibe tamén material didáctico para seguir a traballar na aula no que se lles indica que unha alimentación pouco saudable e o non practicar actividade física con regularidade son as principais causas das enfermidades crónicas máis importantes e ambas son modificables.
Estes hábitos inícianse ós tres ou catro anos e consolídanse a partir dos once, cunha tendencia a permanecer ó largo da vida. A infancia é, por elo, un período crucial para actuar sobre a conduta alimentaria e o sedentarismo, dado que os costumes adquiridos nesta etapa van ser determinantes do estado de saúde do futuro adulto.
Os obxectivos pedagóxicos son:
- Asociar a saúde coa mellora de calidade de vida e non unicamente coa ausencia de enfermidade.
- Comprender a relación existente entre a saúde e a conduta alimentaria e a práctica de exercicio físico.
- Valorar a actividade física como ingrediente dunha vida saudable.
- Adquirir habilidades para o autocoñecemento e a toma de decisións.
- Asumir a responsabilidade sobre as decisións persoais respecto ás condutas alimentarias e á práctica de exercicio físico.
- Mostrar unha actitude crítica razoada fronte ás mensaxes que comporten hábitos pouco saudables, en particular os publicitarios.
A iniciativa da Concellería de Educación xa ten pasado ou vai pasar, ata o mes de abril, polos colexios Xunqueira I, Príncipe Felipe, Álvarez Limeses, Parada (Campañó), Marcón, Xunqueira II, Cabanas (Salcedo), Santo André de Xeve, Froébel, Marcos da Portela (Monte Porreiro) e San Bieito de Lérez.