"Non é nada novo. Periodicamente temos constancia destas quedadas", explica no último Cara a cara de PontevedraViva Radio, o tenente do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, Juan José López Castro. Refírese a quedadas como as rexistradas a fin de semana do 20 ao 22 de xaneiro no polígono industrial do Campiño.
Concretamente o operativo realizado na madrugada do domingo constatou a presenza dunhas trescentas persoas e cen vehículos, ben participando, ben como espectadores de "exhibicións de risco" por parte dalgúns condutores.
Ao longo do mes de xaneiro detectouse que aumentaba o número das devanditas concentracións e dos usuarios nas mesmas. Por ese motivo a fin de semana sinalada reforzouse o dispositivo, cun resultado que arroxa 14 persoas denunciadas por motivos diversos, desde condución temeraria ata consumo de psicoactivos. Mesmo, na tarde seguinte a esta actuación da Garda Civil, o domingo 22, detectáronse de novo no mesmo lugar entre 15 e 20 vehículos.
Ante as opinións que xurdiron tras difundir a noticia e que aseveran que nestas concentracións non hai perigo nin son exihibiciones de risco, López Castro discrepa rotundamente da afirmación. "É certo que a esas horas a circulación é escasa pero existe risco, e ese risco non é controlado".
Unha reflexión e chamada que fai o tenente López Castro é que "acudir a este tipo de quedadas non é o máis responsable, porque pode xerar un efecto chamada e na zona pódense ver evidencias e restos de pneumáticos que non son compatibles cunha condución responsable e segura. O máis responsable sería denunciar estes comportamentos", e de feito así se produce en ocasións.