Carmela Silva reclama á Xunta un plan integral para os CIM de Pontevedra
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os centros de información á muller (CIM) deben contar, segundo Carmela Silva, con recursos "suficientes" para atender todas as necesidades das súas usuarias, moitas delas vítimas da violencia machista. Por iso, reclamou á Xunta de Galicia que elabore un plan integral para atender este servizo, polo menos na provincia de Pontevedra.
Para a presidenta da Deputación, este plan permitiría garantir que este servizo se preste "con estabilidade" e coa "garantía" de que se poidan cumprir "ao 100%" e con permanencia, xa que entende que "non pode suceder" o que ocorreu nalgúns concellos, nos que os recursos "varían de ano a ano", diminuíndo "ata o punto de quedar sen el".
Carmela Silva, que visitou este mércores o CIM do Grove, lembrou que os concellos están a prestar un servizo que é de competencia autonómica, polo que debe ser a Xunta de Galicia quen ordene e planifique a xestión destes centros.
Estes centros son, segundo a dirixente socialista, un instrumento "fundamental" para a promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero, mediante a atención a mulleres que sofren todo tipo de episodios machistas, cuestión que "me preocupa como presidenta da Deputación, como muller e como defensora dos nosos dereitos".
A través do Plan Concellos da Deputación, O Grove investiu en 2016 máis de 83.000 euros para redistribuír e acondicionar as instalacións que ocupan tanto o CIM da localidade como as dependencias dos servizos sociais municipais e a oficina de información á mocidade (OMIX).
Esta sede renovouse por completo para poder adaptarse ás necesidades actuais de espazo, ao incrementarse as demandas de axuda nos últimos anos.
RESPOSTA DO PP
A este respecto, o Partido Popular recorda que os únicos que están pechando CIM nesta provincia "son socialistas e nacionalistas" e poñen como exemplo o caso de Ponte Caldelas. Por iso, a deputada Salomé Peña cre que Carmela Silva "ven a dar leccións de cara a galería".
Para a deputada popular “é ter moita desvergoña" xustificar o desmantelamento do CIM de Ponte Caldelas "culpando a quen non tomou a decisión". E, neste sentido, recorda que o Concello só tiña que pagar 3.000 dos 30.000 euros que custa o centro, porque dos 27.000 euros restantes ocúpase a Xunta.
"Polo tanto, non é unha cuestión económica, é unha cuestión de querer. E a imaxe que están trasladando á cidadanía é nefasta, está dicindo que non vale a pena manter estes centros de atención integral", asegura.
Salomé Peña recorda, ademais, que cando era o bipartito quen xestionaba os recursos autonómicos dirixidos aos CIM, a dotación anual que repartía a través de convenios "nunca superou" os 2,3 millóns de euros e, pola contra, este último ano a Xunta orzamentou 4 millóns de euros para tal efecto, e chegaron aos CIM de Galicia que a solicitaron.
Relacionadas:
-
A Xunta iniciou o expediente para a extinción do CIM de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras acusa a Carmela Silva de usar as políticas de igualdade para a súa "promoción persoal"
Por Oskar Viéitez |
-
O Parlamento demanda que a Xunta medie para que non se peche o CIM de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Os socialistas reclaman á Xunta que asuma os Centros de Información á Muller
Por Oskar Viéitez |
-
O Plan Concellos destinará case 800.000 euros a O Grove no 2017
Por Redacción |
-
Denuncian ante a Comisión Europea o peche do CIM de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación esixe á Xunta que redefina a situación dos CIM
Por Redacción |
-
O PP sinala a Carmela Silva como "cómplice" do peche do CIM de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva non acepta "ningunha lección" en materia de igualdade de Rueda nin do PP
Por Oskar Viéitez |