O BNG compara a Alfonso Rueda co "extraño caso do doutor Jekyll e mister Hyde"
Por Redacción
Tras a comparecencia do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para anunciar as liñas de actuación do seu departamento, o deputado do BNG, Luís Bará criticou "o continuísmo" do titular da vicepresidencia da Xunta e lembrou que un gran número de xulgados seguen "colapsados" por carencia de medios, fixo fincapé nos problemas derivados do uso do galego e cualificou de "fracaso estrepitoso" as políticas de igualdade e loita contra a violencia machista.
Ademáis o deputado acusou ao vicepresidente de ser pola mañá, "o doutor Jekyl, exercendo de vicepresidente da Xunta" e pola tarde, "Mister Hyde como xefe provincial do movemento popular da provincia de Pontevedra", demostrando, dixo, a "incapacidade" para chegar a acordos coa Deputación.
Bará afirmou que Alfonso Rueda está instalado "nunha estratexia de confrontación" porque "non asumen o cambio político desta institución" e non quere cambiar as "vellas políticas de prebendas e privilexios establecidas polo Partido popular en anteriores gobernos".
A respecto do papel de Rafael Louzán, Luís Bará preguntou cal é a súa situación como militante do Partido popular, e cal é a "situación laboral" na Deputación de Pontevedra.
Ademais mostrou o seu interese por coñecer que traballos está a facer para cobrar "43.935 euros" desta institución. "Terá algo que ver que vostede, no seu momento fora asesor de Louzán cando ostentaba o cargo de presidente da Deputación de Pontevedra?", apostilou.