Cuntis retoma os traballos para adaptar o PXOM aos cambios normativos
Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e a concelleira Conchy Campos, mantiveron este martes unha reunión de traballo con Ánxel Viñas da consultora Oficina de Planeamento que realiza para o Concello de Cuntis os traballos de execución do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
A xuntanza, que tivo lugar nas oficinas do Concello, tratouse de marcar o procedemento para continuar cos traballos para adaptar o plan xeral á nova lei do solo e ao seu regulamento.
O grupo de goberno xa tivera anteriormente diversas reunións de traballo por este motivo.
Agora, unha vez publicado o regulamento, o grupo de goberno pretende por en marcha os traballos de adaptación do plan para poder así incoar os trámites administrativos correspondentes ante a administración autonómica.