Esta fin de semana comezan as Noites Abertas con 91 actividades diferentes
Por Oskar Viéitez
Noites Abertas cumpre os 18 anos e o celebra cunha ampla programación de actividades que arrancan esta fin de semana.
Este ano non haberá subvención por parte do Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidade, pero o goberno local considera que este programa de "lecer alternativo" é "imprescindible" polo que seguirá adiante en solitario e destina para Noites Abertas uns cen mil euros.
Moitas asociacións culturais, clubes deportivos e colectivos xuvenís, traballaron a reo para preparar as súas actividades que se desenvolverán en Pontevedra de maneira gratuita os venres e sábados do 27 de xaneiro ata o 29 de abril. Son 24 xornadas en 13 fins de semana.
O concelleiro de xuventude, Demetrio Gómez, salientou que o "complexo programa" das Noites Abertas é froito da coordinación de moitos colectivos e ten coma resultado un "programa democrático, non consumista, non violento, participativo" no que "a mocidade é a que participa e xestiona".
É tamén un "banco de probas e talento" no que se fixan as empresas, e unha cousa da que se sinten moi orgullosos é que "loitamos pola igualdade de xénero" un compromiso que se extende a todas as actividades, o que xenera algunhas peculiaridades, "non é doado atopar música para bailes latinos que non sexa sexista".
Os bailes latinos son unha das actividades, pero hai outras coma microteatro nunha mesa, youtubers por un día, quidditch muggle, aikido con sable láser, roteiros, percusión, cociña, masaxe tailandesa, deportes, speed-dating, gynkanas, experimentos científicos, billarda, unha morea de obradoiros para facer sushi, cupcakes ou mesmo xabón, tamén rap, breakdance, xogos de rol, así ata sumar 91 actividades.
Se tes entre 12 e 30 anos, só tes que achegarte.
Relacionadas:
-
RADIO.- O breaking galego necesita recursos para traer medallas nas Olimpíadas de París 2024
Por Mónica Patxot & Marisa Ciordia |
-
Vive os nervios previos a unha representación teatral con Lucecús Teatro
Por Anxo Lourido |
-
O lecer ten xénero
Por Oskar Viéitez |
-
As Noites Abertas pechan edición cunha gran festa
Por Mónica Patxot & Redacción |