Os ventres de alugueiro e o seu impacto social, a debate na Casa Rosada
Por Redacción
"A maternidade subrogada: reflexión sobre a perspectiva dos dereitos humanos das mulleres, das nenas e dos nenos" é o título da xornada organizada pola Rede Galega Pola Igualdade (REGAI), con motivo do debate no Congreso dos Deputados e en parlamentos autonómicos como a Asemblea de Madrid. Unha iniciativa que pretende legalizar o mercado de ventres de alugueiro no noso país.
A REGAI quere promover o intercambio de ideas sobre a maternidade subrogada, pero sempre partindo dunha filosofía feminista. Ademáis fai un chamamento para que todas as persoas interesadas tomen parte neste monográfico que se celebrará o sábado día 28 de xaneiro na Casa Rosada de Poio, de 11 a 14 horas.
Na sesión participará unha representante de No Somos Vajistas, Ángeles Álvarez Álvarez, feminista que explicará a postura desta entidade sobre a maternidade subrogada. Tamén aportará a súa visión sobre o asunto a abogada e mediadora Marta Giráldez Barral.
A convocatoria contará tamén coa participación de máis integrantes de asociacións que defenden a igualdade entre mulleres e homes e que intervirán sobre as 12.45 horas, xusto antes de apertura do coloquio cos asistentes. A moderación do debate corresponderá á presidenta da Rede Galega Pola igualdade, Carmen Cajide Hervés, feminista de recoñecida traxectoria.
A actividade conta coa colaboración do CIM e da Concellería de Igualdade de Poio.
Trátase dunha acción formativa de suma importancia para o feminismo. "Debemos ter unha opinión fundamentada e sostida en experiencias e realidades e sempre ter en conta que todas as persoas, vivan onde vivan, han ter os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades. Somos feministas para cambiar e romper coa continua discriminación das mulleres de todo o mundo, non só velamos por nós e o noso contorno", apunta a REGAI.
Para participar é preciso escribir un correo a redegalegapolaigualdade@gmail.com indicando nome completo e número de DNI e de teléfono móbil. O prazo remata o 27 de xaneiro.