Os pacientes de Pontevedra e O Salnés, de novo os que menos agardan de Galicia para operarse e ir ao especialista
Por Redacción
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén, un ano máis, as listas de espera máis baixas de todos os hospitais públicos galegos, cun prazo medio de espera para unha intervención cirúrxica de 38,2 días e de 29 días para unha primeira consulta, inferiores á media galega, durante o ano 2016.
Segundo os datos oficiais feitos públicos este venres polo Servizo Galego de Saúde, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) presenta datos máis positivos que o Hospital do Salnés, cunha demora media para unha intervención cirúrxica de 37,8 días fronte a 39. En todo caso, os dous hospitais están moi por debaixo da media galega, situada nos 67,5 días.
A espera na área sanitaria redúcese nos casos máis graves, prioridade 1, pasando dos 10 aos 7,5 días, e na prioridade 2, con 26,4 días, cifra que tamén se sitúa por debaixo da media ao respecto das demais áreas sanitarias. Por outra banda, o tempo de espera medio para unha primeira consulta nos centros pontevedreses é de 28,5 días, e na área integrada, de 29, ambas inferiores á media galega de 47,3 días.
O CHOP rexistrou no ano 2016 un total de 23.282 ingresos hospitalarios, 19.200 intervencións cirúrxicas e máis de 450.000 consultas externas en hospitais. Estes datos supoñen unha media de actividade de 52,4 intervencións cirúrxicas e máis de 1.800 consultas diarias nos centros hospitalarios de Pontevedra.
Ademais, a Xerencia destaca que a actividade asistencial ordinaria rexistrou un incremento nos centros de saúde da área ao longo de 2016, con un total de 2.824.149 consultas. Nos PAC atendéronse 192.994 urxencias, cifra semellante ás rexistradas durante o ano 2015.
Os responsables sanitarios destacan o bo funcionamento das vías rápidas de atención ao cancro de mama, colorrectal, melanoma, de pulmón, de vexiga, de próstata e de otorrinolaringoloxía, que permitiron atender ao longo de 2016 a 1.668 pacientes con sospeita de padecer estas patoloxías nun prazo inferior a catro días.
Os responsables da área sanitaria insisten na mellora continua da coordinación entre os profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o Hospital do Salnés e os centros de saúde da área e destacan como un dos acontecementos destacados do ano 2016 a posta en marcha do Programa de detección precoz de cancro de colon, un plan que na área sanitaria dará cobertura a preto de 75.000 persoas con idades comprendidas entre os 50 e os 69 anos.
Ademais, a principios de ano, o centro de saúde de Bueu foi o centro sanitario escollido polo Servizo Galego de Saúde para pilotar a Plataforma É-Saúde, unha ferramenta tecnolóxica de servizos que posibilita que os pacientes poidan acceder dende o seu móbil, ordenador ou tablet, a servizos e contidos personalizados, e, deste xeito, consultar e xestionar as súas citas, revisar follas de tratamentos ou informes de alta, entre outras prestacións. Paulatinamente, a tecnoloxía 2.0 desenvolvida implantouse no resto de centros de saúde da área sanitaria.
Relacionadas:
-
Núñez Feijóo confía en que a reforma integral do Hospital do Salnés remate antes de xullo
Por Redacción |
-
O novo bloque cirúrxico do Hospital do Salnés entra en funcionamento
Por Redacción |
-
A Marea Branca cre que se manipulan os datos das listaxes de espera nos hospitais de Pontevedra
Por Anxo Lourido |
-
Os pacientes do CHOP teñen que esperar para ser atendidos a metade de tempo que o resto dos galegos
Por Oskar Viéitez |
-
José Manuel González: "Montecelo cada vez cumple menos condiciones de hospital de futuro"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A espera media para operarse no CHOP e O Salnés é de 36,7 días
Por Redacción |