Contrata unha casa de madeira e queda coas ganas e sen diñeiro: "Ao final, nin casa nin nada, unha burla"
Por Natalia Puga
"Ao final, nada, nin casa nin nada, unha burla", resumía este martes F.V.C., un veciño de Campo Lameiro que no ano 2013 contactou cun empresario de Viascón (Cotobade) para contratarlle unha casa de madeira e finalmente quedou sen a vivenda e sen os 20.000 euros que lle pagou de adiante. É unha das dúas vítimas dese mesmo empresario, xunto á parella da parroquia pontevedresa de Tomeza cuxo caso contara PontevedraViva, e as súas presuntas estafas chegaron por fin ante a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra tras dous adiamentos previos.
O empresario cuestionado, José Manuel Moure Rey, sentou no banco dos acusados e defendeu a súa inocencia, pero pouco serviron os seus argumentos ao fiscal do caso, Luís Uriarte. Ao remate da vista oral, mantivo a acusación contra el por un delito de estafa continuada, pero elevou a condena que solicita, pois inicialmente reclamaba sete anos de prisión e pasou a reclamar oito anos e o pago dunha multa de 7.200 euros (24 meses a 10 meses de diarios) ao ter en conta a circunstancia agravante de reincidencia.
O fiscal sacou a colación os antecedentes do procesado, que inclúen condenas por estafa por un total de cinco anos e nove meses en Santiago de Compostela. As avogadas da acusación particular que defenden os intereses das dúas familias afectadas tamén teñen en conta esas condenas e piden unha condena a nove anos de prisión e unha multa de 22.500 euros (30 meses a 25 euros diarios) unha e dez anos de prisión e multa de 18.000 euros (30 meses a 20 euros diarios) a outra.
O acusado, cuxa avogada pediu a súa libre absolución, xustificou a súa proceder coas dúas familias. No caso da vivenda non construída en Campo Lameiro, a vítima relatou que pagou 20.000 euros e, tras meses de atraso, finalmente contactou coa empresa de Cidade Real que fornecía a casa ao acusado e, ao pescudar que non estaba nin contratada, rompeu relacións e contratou directamente a vivenda á empresa primaria. Desde entón, reclámalle o diñeiro ao procesado sen éxito.
José Manuel Moure recoñeceu ante o tribunal que "efectivamente, le debo 20.000 euros" e xustifícao argumentando que "dadas las circunstancias que estaba pasando la empresa, el dinero" para outras cuestións. Chegou a asinar un recoñecemento da débeda e a entregarlle cinco pagarés, pero sen fondos.
A familia de Tomeza tivo unha situación diferente. M.A.R.P. e o seu marido contratáronlle unha casa e pagáronlle todo o acordado, 73.000 euros, pero tan só lles construíu a estrutura dun baixo e unha placa, sen casa. Eles ademais, non chegaron a contratar a vivenda a ninguén e seguen sen ter a que ía ser a súa vivenda habitual, na que investiron os aforros de toda a súa vida.
O procesado asegurou que esa casa encareceuse porque o baixo construído tivo que levar formigón en lugar dos bloques pactados e realizar máis traballos reclamados polos clientes, como un muro, un portal ou a rede de sumidoiros, de tal modo que xa antes de contratar a casa gastara 54.000 euros e tan só lle quedaban 16.000 euros para comprar unha estrutura de madeira que custaba 44.000. Decidiu non pedila.
A visión que teñen os denunciantes é moi diferente. A muller relata que o proxecto inicial sufriu unha modificación no baixo que entendía que ía incluída no prezo e, a maiores, eles contrataron ao construtor que executaba os traballos obras no acceso ao terreo que pagaron directamente e pola súa conta. O home engade que Moure Rey realizou pequenas obras a maiores como unha división no baixo ou unha rampla, pero fíxoo porque a casa atrasábase e, "para compensar", fixo esas melloras.
Tanto esta parella de Tomeza como o afectado de Campo Lameiro relataron que o procesado adoitaba darlles longas e poñerlles escusas continuas para xustificar que a casa de madeira nunca chegaba. "Sempre escusas e mentiras", explican. O xuízo quedou visto para sentenza.
Relacionadas:
-
Sete anos de prisión para un empresario por quedar co diñeiro de dúas casas de madeira que non entregou
Por Natalia Puga |
-
Visto para sentenza o xuízo contra o acusado de estafar dúas familias que lle contrataron casas de madeira
Por Natalia Puga |
-
E á sexta convocatoria... celebrouse o xuízo contra un acusado de estafar a compradores de casas de madeira
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Unha "manobra dilatoria" obriga a suspender de novo un xuízo que xa se fixou cinco veces nun ano
Por Natalia Puga |
-
A Audiencia repetirá en xullo o xuízo por estafa que non quedou gravado por problemas técnicos na sala
Por Natalia Puga |
-
Cando os problemas técnicos dificultan impartir xustiza
Por Natalia Puga |
-
A familia que soñaba cunha casa de madeira e acabou estafada
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Fiscalía pide sete anos de prisión para un empresario de Cotobade que cobrou dúas casas que nunca fixo
Por Oskar Viéitez |