UGT entregará o premio á muller traballadora á profesora e sindicalista, Marisa de Sáa
Por Redacción
Coa celebración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, UGT como ven facendo cada ano, conmemora esta data coa entrega do Premio 8 de Marzo. Este galardón trata de expresar o recoñecemento que os traballadores deste sindicato fan a mulleres que se teñan distinguido pola defensa e reivindicación da igualdade de dereitos de homes e mulleres, en especial no eido laboral e dende a súa labor sindical.
"Como recoñecemento da súa labor e tesón, incluso en momentos difíciles"
Este ano o premio recaeu en María Luisa de Sáa Fernández (Marisa), mestra de profesión, afiliada a este sindicato dende o ano 1982 e membro activo da FETE-UGT dende o 1991. Marisa é a secretaria xeral da Federación de Ensino da UGT dende hai 16 anos. Xubilada hai uns meses despois de 39 anos de profesión, segue ostentando o seu cargo na actualidade ata esgotar a lexislatura.
O seu interese polo mundo sindical vénlle dado por herdanza familiar do seu pai, Luís de Sáa Bravo. Dende o inicio da súa profesión Marisa interesouse polo ámbito sindical do que forma parte dende o ano 1991. Ela é parte da historia de UGT en Pontevedra e acumula responsabilidades en diferentes frontes: Delegada da Xunta de Persoal Docente da provincia de Pontevedra, membro do Consello Escolar Municipal e da Comisión de Escolarización de Pontevedra. ÿ unha persoa que nunca falta nas diferentes manifestacións, folgas e mobilizacións de toda índole.
"Un referente na UGT, sobre todo no ámbito da educación na defensa dos dereitos dos seus compañeiros"
Marisa é coñecida, querida e respectada polos seus compañeiros que a propuxeron por unanimidade ao Premio 8 de marzo 2013 como recoñecemento da súa labor e tesón, incluso en momentos difíciles. Dela din que "é todo un carácter, que impuxo unha impronta na súa federación".
"En definitiva, Marisa é unha muller forte, con criterio propio, con personalidade e carácter; un referente na UGT, sobre todo no ámbito da educación e na defensa dos dereitos dos seus compañeiros. Representa un exemplo de valentía, de superación e de motivación".