Denuncian que hai entidades que piden roupa e alimentos na cidade sen garantir que cheguen aos seus destinatarios
Por Redacción
O Concello de Pontevedra ten detectado a presenza no municipio de persoas que piden axuda solidaria aos cidadáns para entidades sociais que non ofrecen as garantías necesarias de que as doazóns dos pontevedreses teñan, en realidade, o fin para o que se piden pola cidade.
A Concellaría de Benestar Social alerta desta situación aos pontevedreses e indica que se trata de diversas asociacións e entidades que piden a colaboración solidaria dos veciños para entregar roupa ou alimentos.
"Nalgún caso, non existen as garantías mínimas necesarias de que eses productos cheguen as persoas que o necesiten", aseguran.
Ante esta situación a Concellaría de Benestar Social ponse a disposición da cidadanía para que consulten se esas asociacións ou organizacións responden ou non ás actividades que din que realizan.
Dende Benestar Social recordan aos pontevedreses que "poden achegarse tanto ao Rexisto Xeral do Concello ou ao chalé Fontoira ou á Casa Azul, que se lles dará información actualizada e concreta antes de que se depositen as peticións".