Técnicos municipais investigarán a orixe das verteduras que contaminan as augas da praia de Raxó
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Poio deu a orde para que os técnicos municipais investiguen a orixe da contaminación microbiolóxica detectada nas análises que a Xunta levou a cabo nas augas da praia de Raxó durante o últimos seis meses.
A principal hipótese coa que traballan no Concello de Poio é que existen verteduras "puntuais" no regato de pluviais que desemboca no areal, algo facilmente solucionable.
O alcalde, Luciano Sobral, entende que pode existir algún fallo na conexión dalgunha vivenda ou empresa que provoque que as augas sucias acaben no regato.
Luciano Sobral lembrou o sucedido o ano pasado nun tramo situado na curva de Rabo de Porco onde se detectou contaminación por fecais por este motivo, é dicir, había varias vivendas que tiñan as súas tubaxes conectadas ao regato.
Unha vez que se detecte o problema o goberno local de Poio pretende vixiar todo o percorrido do arroio para evitar outro tipo de verteduras, esta vez intencionadas.
A terceira medida posta en marcha polo consistorio poiense foi a solicitude a Costas da reparación do tubo emisario que desemboca nas proximidades da praia.