O PP de Poio reclama ao PSOE que pida perdón aos veciños da plataforma de Fragamoreira
Por Redacción
A xunta directiva do PP de Poio reclama aos responsables do PSOE local que "pidan perdón aos centos de veciños do concello de Poio que participaron na Plataforma de Afectados de Fragamoreira", tras as últimas declaracións por parte dos socialistas.
Indican que nas actas da Deputación figura como a socialista Chelo Besada votaba en contra do que no pleno de Poio votara a favor en relación ao campo de fútbol. E sinalan que no Partido Popular ninguén votou en contra o polígono de Fragamoreira ou contra os intereses de Poio.
A directiva popular demanda ao PSOE que se desculpe ante os veciños por tachalos de "anti polígono" e lembra que as 200 familias que formaban parte da plataforma eran os máis interesados na construción do polígono e que, neste momento, son os principais prexudicados ao estar a pagar impostos por uns terreos onde "non poden facer nada".
Ademais, cren que o PSOE debe pedir tamén perdón aos responsables da empresa Froiz, "que sempre demandou que as súas decisións empresariais non se instrumentalizasen politicamente, e moito menos insultando aos veciños".
Os populares arremeten contra os concelleiros socialistas lamentando "a súa incompetencia" nas áreas de Promoción Económica e Urbanismo, nas que teñen dedicación exclusiva. Pregúntanse que fai o concelleiro do PSOE para gañar o soldo e atraer empresas a Poio.
Os populares afirman que Fragamoreira ten posibilidades como parque empresarial e reclaman aos responsables municipais que rectifiquen e traballen para conseguir a reserva oficial do 30% da superficie para que a Xunta de Galicia constrúa o polígono industrial.