Universidade de Vigo e Confemadera únense para facer da madeira "a materia prima do futuro"
Por Redacción
O 6,6% da poboación activa en Galicia está empregada nalgunha das actividades da industrial forestal e este sector está entre as tres primeiras actividades industriais en máis dunha vintena de comarcas. Moitos dos profesionais que alimentan estas empresas fórmanse na Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra polo que a relación entre o centro universitario e o tecido empresarial é unha alianza natural e imprescindible na procura de sinerxías.
Esta colaboración tradúcese nun convenio de colaboración que asinaron o director da escola, Enrique Valero e o presidente da Confederación Galega de Empresarios da Madeira (Confemadera), Elier Ojea. O obxectivo do acordo é promover o coñecemento do sector e os avances tecnolóxicos desta industria entre a comunidade universitaria a través de prácticas pre-profesionais, actividades formativas e proxectos de I+D+i.
Tanto Valero como Ojea destacaron a necesidade de difundir o valor que representa o monte "dende as perspectivas medioambiental, social e económica como patrimonio de todos os galegos". O presidente de Confemadera subliñou tamén a necesidade de "traballar a favor dun sector estratéxico para Galicia" que terá un maior protagonismo na Unión Europea xa que a madeira é "a materia prima do futuro" nunha economía sostible ou green economy.
A pesar diso, segundo Elier Ojea, Europa é deficitaria na súa produción. Os expertos sosteñen que en 2030 o déficit acadará os 300 millóns de metros cúbicos de madeira ao ano. "Aquelas rexións que teñan madeira e unha industria capaz de transformala terán un papel decisivo" na economía da UE, destacou Ojea, polo que o desenvolvemento do sector de Galicia é crucial para posicionarse neste contexto.
Para contribuír a este obxectivo en 2011 naceu Confemadera Hábitat Galicia, organismo no que se dá cita un tecido empresarial composto por 3.000 empresas e no que se aglutinan todos os chanzos da industria do monte, antes diseminadas en organizacións como Fearmaga, Monte Industria, Feceg ou o Clúster da Madeira. Un sector importante, destacaron ambos, porque factura 1.700 millóns de euros e xeran 20.000 empregos directos e 50.000 indirectos.
Actividades formativas e innovadoras
Este acordo permitirá comezar a desenvolver de maneira inmediata actividades de formación para os alumnos da Universidade, por exemplo, en simuladores profesionais de maquinaria forestal de última xeración. Para isto realizarán prácticas de traballos no monte mediante simuladores virtuais 3D de procesadoras e autocargadores.
Ademais, establecerase un programa de prácticas en empresas e tamén as liñas de colaboración precisas para o desenvolvemento de proxectos conxuntos de investigación e innovación. Finalmente, e froito deste convenio ambas entidades colaborarán na campaña O monte é a nosa vida, unha iniciativa promovida pola industria da madeira de Galicia coa que se pretende sensibilizar á opinión pública do valor do monte galego.
Ao abeiro deste programa impartiranse charlas divulgativas en máis de 20 institutos de Galicia co obxectivo de sensibilizar ao alumnado da ESO do patrimonio que representa o monte galego para as xeracións futuras.