Localizan pezas de cerámica de luxo no castro da Lanzada
Por Redacción
O equipo de Arqueoloxía da Deputación de Pontevedra atopou tres pezas de cerámica bracarense e sigillata e unha pulseira de bronce nas tarefas de escavación no Campo da Lanzada, en Sanxenxo. Sitúan a súa orixe arredor do século I d.C.
Segundo informou a Deputación Provincial a través dun comunicado, no caso das pezas de cerámica, os obxectos estarían ligados ao sector do comercio da época romana, de modo que esta é a primeira vez que se atopa unha peza bracarense no Campo da Lanzada, pero as pezas sigillatas súmanse ás xa máis de mil atopadas deste mesmo estilo no lugar.
Todas as pezas de cerámica están consideradas como artigos de luxo, todas elas para un uso de mesa e non cotián, pero con algunhas diferenzas tanto no centro de produción (as sigillatas proceden da Rioxa e as bracarenses de Braga) como na súa orixinalidade (as sigillatas considéranse pezas máis orixinais, mentres que as bracarenses serían imitacións destas tanto na súa forma como nos seus elementos decorativos).
No caso da pulseira de bronce, o achado produciuse nunha zona que aínda está sendo escavada e vinculado a outros materiais datados tamén do século I d.C. Atopouse nun depósito de carbón que o equipo de Arqueoloxía da Deputación de Pontevedra, a falta de podelo confirmar polo momento, cre que se podería tratar dun forno.
Dende o pasado mes de xullo, cando comezaron as escavacións na Lanzada, xa se levan atopadas máis de 15.000 pezas distintas entre as que destacan cerámicas, moedas de distintas épocas, puñais e fíbulas, entre outros obxectos. Ademais, atopáronse os corpos de catro adultos e adultas (tres corpos e o fragmento dun cranio) e outros 13 neonatos e neonatas.
Ao longo do que resta de mes vaise continuar coa escavación dunha pequena zona do Campo da Lanzada e, posteriormente, procederase a consolidar as estruturas atopadas para o traballo restante de musealización que deberá levar a cabo o Ministerio de Fomento no marco do protocolo de posta en valor dos xacementos da provincia de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O remate dos traballos no xacemento da Lanzada dá paso aos do Monte do Castro
Por Redacción |
-
Comezan os traballos para acondicionar o xacemento da Lanzada
Por Redacción |
-
A Plataforma Veciñal Sanxenxo pide a paralización das obras da senda peonil da Lanzada
Por Oskar Viéitez |
-
A Lanzada proba que 600 anos antes dos romanos "xa éramos unha civilización avanzada"
Por Alejandro Espiño |
-
Así será a restauración e musealización de 18 castros da provincia
Por Redacción |
-
Os arqueólogos atopan na Lanzada os restos doutro menor
Por Redacción |
-
Os bebés achados no castro da Lanzada están datados entre os séculos I e III despois de Cristo
Por Oskar Viéitez |
-
Achan un puñal nas excavacións da Lanzada
Por Redacción |
-
Cornelia é do século V, Miami confirmouno
Por Oskar Viéitez |