200 árbores para compensar a nosa existencia
Por Redacción
Cada ser humano produce entre 70 e 100 toneladas de gases contaminantes ao longo da súa vida "polo que debería plantar 200 árbores para compensar a súa existencia". Con estes datos exemplificou Laurence Franks, presidente do Fondo Nacional Judío, o compromiso de que cada habitante da terra debería ter coa natureza, "un investimento de menos de 2.000 euros en toda a vida".
Convidado á Escola de Enxeñaría Forestal, Franks acudiu ao campus pontevedrés co obxectivo de concienciar ás novas xeracións da necesidade de combater o fenómeno da desertización "pois está nas súas mans replantar as hectáreas que se están perdendo". Alí expuxo o labor que desempeña a ONG que preside, líder mundial na loita contra a desertificación.
"Dende que existimos, levamos plantadas arredor de 240 millóns de árbores", apuntou Franks que explicou que ademais das repoboacións, tamén centran os seus esforzos na creación de embalses e no fomento da investigación agrícola e forestal, o que coloca a Israel como referente internacional nese campo da ciencia.
Este experto israelí, afincado en Barcelona, insistiu en que debemos ser conscientes do "importante papel" que podemos desempeñar na mellora da calidade ambiental do planeta. "Na sociedade actual os novos dominan aos maiores polo que tendes a responsabilidade de dirixir o futuro", declarou Franks tras defender a necesidade de asumir unha actitude proactiva ante as adversidades tentando converter o negativo en positivo.
"Cando hai un acto de terrorismo en Israel no que se destrúen 10.000 árbores, nós plantamos 20.000", explicou o presidente desta ONG que tentou contaxiar aos presentes o "entusiasmo" que sente pola natureza e polas plantas.
Laurence Franks advertiu do avance do proceso de desertización no mundo "e non está tan lonxe de nós, xa en España Murcia e Almería representan casos extremos e poden transformarse en desertos". Concluíu que Galicia tampouco debe desatender a súa batalla contra a deforestación, "aínda que se trate dun fenómeno máis a longo prazo".
Non obstante, Franks sinalou que, a diferenza de Israel, en España non existe unha conciencia ambiental como tal. "Neste país non se fomenta esta educación polo que é imprescindible un cambio de mentalidade que mova aos mozos e mozas a actuar tras un incendio, sen quedarse soamentede coa noticia e sen facer nada".
O experto engadiu que esta responsabilidade non debe recaer soamente nas novas xeracións, "deben contar co apoio das autoridades estatais que nestes momentos se escudan na crise económica e de que non hai diñeiro para dicir non a todo". De novo recorreu ao caso israelí e subliñou que "a pesar da mini-crise que se vive no país, seguimos apostando pola investigación, investindo aínda máis nestes momentos".