Cidadáns aplaude que o BNG asuma a súa queixa de eliminar a cota mínima do recibo da auga aos comerciantes
Por Redacción
O grupo municipal de Cidadáns en Pontevedra aplaude que o BNG asuma a queixa realizada polo partido laranxa relativa á eliminación da cota mínima do recibo da auga aos comerciantes e oficinas profesionais da cidade. Trátase dunha reclamación que Cidadáns veu expondo desde a súa entrada na corporación.
Para a concelleira de Cidadáns, María Rey, "xa vai sendo hora de que o BNG, tras máis de 17 anos de goberno, se dea conta de que hai problemas en Pontevedra que hai que abordar para mellorar a economía da cidade, aínda que antes teñámosllo que avisar outros partidos e vendan a idea como súa".
Para Rey "é imprescindible apoiar a promoción económica da cidade con medidas que favorezan o autoemprego e axuden aos autónomos con cousas tan simples como acabar cunha cota mínima de 45 metros cúbicos cando algúns negocios teñen soamente un aseo, polo que o seu consumo real é bastante inferior".
Con todo, María Rey non se sorprende de que isto suceda, "posto que o grupo de goberno non fai máis que dar mostras da súa mala xestión a diario".
A concelleira de Cidadáns considera que "non podemos pedir máis a un partido que non é capaz de sacar a tempo uns pregos e un concurso para o contrato da auga. Ter que facer chapuzas, como prorrogar á empresa actual por falta de previsión é vergoñento".
Aínda así, a edil laranxa espera que os pregos e o concurso "sexan correctos para evitar máis problemas aos veciños".