Escolares pontevedreses participan nunha campaña contra a obesidade infantil e nun taller de enerxías renovables
Por Oskar Viéitez
Marfrío, empresa elaboradora e comercializadora de peixe conxelado do porto de Marín, puxo en marcha este martes, coa colaboración do Concello de Pontevedra, a campaña contra a obesidade infantil 'Come san. Vive feliz' en varios colexios do municipio.
Destinada a nenos de primeiro e segundo de Primaria, a iniciativa, que finalizará o 21 de marzo, busca, a través dunha educación diferente e divertida, concienciar aos máis pequenos sobre a importancia dunha boa alimentación, do deporte e os hábitos saudables.
A campaña, segundo indica Marfrío, desenvolverase, nesta primeira fase, en seis centros educativos: Barcelos, Campañó, Lérez, Verducido, San José e Os Sauces.
Os nenos, divididos en grupos e por aulas, terán que superar varias probas didácticas e deportivas logo de escoitar unha curta charla nutricional impartida por unha experta en nutrición de Anfaco.
Por outra banda, durante o vindeiro xoves 7 e o luns 11 de marzo, 400 alumnos de catro centros de Pontevedra Barcelos, A Carballeira, Príncipe Felipe e Nuestra Señora de los Dolores, acollerán o taller itinerante Granxa Enerxía, promovido por Endesa Educa.
A actividade, realizada nos propios centros docentes, pretende que os estudantes dos últimos cursos de Primaria entren en contacto co mundo da enerxía, especialmente co das renovables, mediante unha serie de experimentos que un monitor propoñeralles.
Entre os experimentos demostrativos que Endesa Educa leva ás clases inclúese desde unha cociña ou unha ducha solar ata un aeroxenerador.