Cecilia Martínez, a avoa de Ponte Caldelas, cumpre 103 anos
Por Redacción
Cecilia Martínez Pazos, a avoa de Ponte Caldelas, cumpriu o seu 103 aniversario. Xunto a súa familia o alcalde, Andrés Díaz Sobral, axudou a soprar as velas dunha torta especialmente encargada para a ocasión.
Cecilia recibiu ao alcalde en cama, pois ao longo do último ano tivo unha fractura ósea que lle mermou a mobilidade. Non obstante, conserva a mesma lucidez e o bo humor de sempre e charlou animadamente co alcalde sobre a actualidade municipal. Tamén como é tradición pediu á súa familia que a peitearan e arreglaran adecuadamente para a visita do primeiro edil caldelán.
Cecilia Martínez relatou episodios dunha vida chea de dificultades e exemplo de superación, pois quedou viúva ao morrer o seu home durante a Guerra Civil. Soa e embarazada da súa terceira filla sacou adiante á súa familia.
A día de hoxe conta co apoio dunha familia que crece arredor das súas tres fillas, catro netos e seis bisnetos. E o que é máis importante, cunhas gañas de vivir imparables que contaxia a todos os seus veciños do lugar de Mirón.
Andrés Díaz invitouna a coidarse moito e prometeu volver acudir a saudala no Nadal do ano próximo nunhas datas que son especialmente felices para a familia de Cecilia.