Andrés Díaz reta a Rueda a visitar Ponte Caldelas para abordar a discriminación da Xunta co Concello
Por Redacción
Tras a visita que o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, realizaba ao Concello da Lama, o alcalde de Ponte Caldelas reaccionou sinalando que tan só foi para criticar absurdamente ao Concello de Ponte Caldelas. Para Andrés Díaz, a visita rozaba o esperpento e relaciónaa coa "absoluta obsesión do PP co cambio que se está producindo no municipio cabeceira da comarca do Verdugo".
Desde o goberno local entenden que a visita se trata de "unha mostra de debilidade" e móstrase sorprendido porque durante tres días nunha semana, a Xunta de Galicia falou sobre Ponte Caldelas e non lembran unha visita institucional tan estraña como a de Rueda ao Concello da Lama.
Díaz apunta que o presidente Núñez Feijóo non atendeu a súa petición de entrevista e aproveita para convidar formalmente o vicepresidente Alfonso Rueda á Casa do Concello para falar cara a cara e tratar os problemas reais do municipio. O goberno local considera que desde a Xunta de Galicia está a discriminarse a Ponte Caldelas respecto de Cerdedo-Cotobade, que recibe un financiamento por parte da administración autonómica 50 veces superior e A Lama, que obtivo axudas ata 20 veces superior, segundo indican desde o goberno de Díaz.
Para esa entrevista, o alcalde propón tratar a sustiución temporal do CIM por unha asesoría xurídica especializada en violencia e dereito de familia, debido á xestión do anterior equipo de goberno do PP que, segundo apunta, prorrogou irregularmente o contrato de servizos durante unha década provocando unha demanda laboral das traballadoras solicitando converterse en persoal laboral fixo.
O alcalde indica que en 2018 volverá solicitar a subvención para crear o CIM con outros parámetros. Ademais denuncia que na visita de Rueda á Lama atopábase o delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, quen no seu estapa como alcalde de Cambados pechou o CIM en 2006.
Díaz convida a Rueda a tratar tamén a situación da PO-234; as obras de ampliación do colexio da Reigosa; o mantemento da área arqueolóxica de Tourón; da apertura da Casa da Quintán como centro de día para maiores; do centro de saúde e sobre as obras de saneamento pendentes.