Falece o histórico veciño de Salcedo Antón Dios Vázquez
Por Redacción
O histórico veciño de Salcedo Antón Dios Vázquez faleceu este venres aos cen anos de idade.
Antón Dios Vázquez era fillo da famosa familia propietaria da fábrica do Ferreiro do Pino, unha das que sufriu con maior crueza a represión franquista, co asasinato do seu irmán maior, Edelmiro Dios Vázquez.
Ao cumprir o seu centenario o pasado mes de xullo Antón Dios acudiu xunto á súa familia ao Concello de Pontevedra onde foi recibido polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, que tiñan unha sorpresa moi especial para el: unha bandeira habitualmente gardada no arquivo municipal.
Tratábase da insignia da Sociedade de Agricultores de Salcedo, deseñada por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e que foi tecida pola súa nai, Josefa Vázquez Juncal, cos fíos seleccionados por Antón e os seus irmáns. A bandeira permaneceu escondida nunha casa de Salcedo durante 64 anos, desde 1936 ata que en 1999 foi entregada ao Concello por Arturo Estévez.
Desde entón, está gardada no arquivo municipal, pero aquel xoves saíu á luz con motivo da visita de Antón Dios.
A súa perda é moi sentida por familiares, amigos e todo o municipio xa que con el vaise un anaquiño da memoria histórica de Pontevedra.