Representantes sindicais da Policía Local denuncian deficiencias nos sinais de tráfico
Por Redacción
Os representantes sindicais de Comisións Obreiras e de UXT na Policía Local, Antonio Millares e José Moldes, continúan denunciando situacións irregulares na cidade dentro da campaña que están a desenvolver con motivo do conflito laboral que manteñen co goberno de Pontevedra. Neste sentido, Millares e Moldes presentan un informe no que mostran as deficiencias e irregularidades da sinalizacións de tráfico no municipio.
Desta forma, denuncian a sinalización eventual que se emprega cando hai algún acontecemento. Os sindicalistas indican que un valo de obra, un sinal colgado nela e unha lenda en papel plastificado é unha práctica de sinalización "antirregulamentaria e incorrecta".
Tamén denuncian que a sinalización dos Vados Permanentes en Pontevedra non se atopa adaptada ao Regulamento Xeral de Circulación. Indican, neste sentido, que o goberno local "pasa de cumprir" a lei e reclaman que explique á cidadanía por que se seguen denunciando e retirando vehículos estacionados en vados permanentes sen que a súa sinalización sexa a correcta.
Tamén denuncian irregularidades en Loureiro Crespo e Cruz Gallástegui e piden que se estableza un criterio único de sinalización coa indicación de zonas de estacionamento se se permiten ou establecer a súa prohibición, co obxectivo de que se ofreza seguridade xurídica aos usuarios.
Millares e Moldes lamentan que o goberno local non asuma as responsabilidades de ordenar a convivencia entre peóns e vehículos. Ademais reclaman unha regulación do tráfico en rúa Alameda que evite as confusións definindo o concepto "agás servizos" e a retirada dun sinal, que consideran ineficaz.
Por último indican que o goberno local continúa utilizando a lingua galega nos sinais omitiendo o castelán, a pesar dunha sentenza en contra e da esixencia normativa.
Estes dous sindicatos entenden que a concelleira Carme da Silva "só foi capaz de ofender, vexar e tentar humillar publicamente aos portavoces sindicais do persoal de Policía" cando se presentou o anterior informe por parte destes representantes sindicais sobre o uso da bicicleta na cidade.
Relacionadas:
-
Solicitan ao Concello a compra de chalecos antibalas para a Policía Local
Por Redacción |
-
Representantes da Policía Local reclaman ao goberno de Lores a regulación dos ciclistas
Por Redacción |
-
Retan a García Legísima a que rexeite a equiparación salarial ante a asemblea da Policía Local
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Policía Local denuncia os problemas de espazo e térmicos das instalacións da Xefatura de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |