Aquel agasallo de George Bush pai aos veciños de Poio
Por Oskar Viéitez
O PP de Poio quere conmemorar "como merece" o 25 aniversario da plantación do arboredo de sequoias do Monte Castrove, o "Bosque de Colón", e presentou no pleno deste martes unha moción propoñendo a designación de 2017 como "Ano do Bosque de Colón" e instando a programar todo tipo de actividades culturais, educativas, deportivas... para poñer en valor este "tesouro case descoñecido".
Na moción, defendida pola concelleira Rocío Cochón, a formación popular fai un repaso pola historia deste bosque, inaugurado o 4 de decembro de 1992 por un conxunto de escolares americanos e poienses durante o goberno de Armando Couselo, nun acto que contou coa participación do conselleiro de agricultura do momento, Tomás Pérez Vidal, o presidente da Deputación César Mera, os alcaldes de Poio e Pontevedra (Francisco Cobián), e Xosé Rodríguez Couselo, presidente da Comunidade de Montes de San Xoán.
Os comuneiros cederan desinteresadamente os terreos no que se ubica o arboredo, poboado con 500 exemplares de sequoia vermella californiana "un agasallo do pobo dos Estados Unidos" aprobado coma tal en resolución conxunta das dúas cámaras lexislativas estadounidenses, que establecía que as árbores deberían plantarse "orientadas ó Océano Atlántico (...) para que durante os vindeiros cinco séculos, conforme as árbores medren de semente até o seu pleno e noble esplendor no solo do hemisferio Oriental, daranlle a cada persoa que os visite a experiencia do abraiante potencial e a marabillosa beleza da creación e representen a esperanza dun futuro de crecente amizade entre os pobos de ambos os hemisferios".
O presidente estadounidense era naquel entonces George Bush pai.
No acto da plantación contábase coa presenza do presidente da Xunta, Manuel Fraga, que finalmente non puido asistir por coincidir a data co accidente do Mar Egeo, na Coruña, pero os xornais da época o cualificaban de momento histórico que, segundo Cochón "hoxe en día segue a ser un gran descoñecido para moitos dos nosos veciños".
Cochón explicou que a moción solicita a declaración formal de 2017 como "Ano do Bosque de Colón" e insta a programar actividades para poñer en valor e difundir este "valiosísimo recurso", o meirande bosque de sequoias de Europa, que desembocarían nunha gran celebración o 4 de decembro, cando se cumprirían 25 anos dunha data tan importante para Poio.